Polonia detecta unha fuga nun dos principais oleodutos que subministra petróleo a Europa

As autoridades polacas descartan polo de agora que se trate dunha sabotaxe. 
Instalacións do oleoduto Druzhba en Hungría. (Foto: Europa Press)
photo_camera Instalacións do oleoduto Druzhba en Hungría. (Foto: Europa Press)

O Goberno polaco comunicou na mañá desta cuarta feira unha fuga de petróleo no oleoduto de Druzhba, unha das principais vías de subministración de cru. a varios países de Europa, entre eles Alemaña.

A fuga, detectada a última hora da terza feira, atópase a 70 quilómetros da cidade polaca de Plock, e polo de agora afecta dúas liñas do oleoduto que lindan cun complexo de centro de cría de animais.

Así o trasladou o operador enerxético polaco PERN, que tamén engadiu que as liñas que non se viron danadas están a funcionar con normalidade.

Segundo detallaron medios locais, a vertedura abrangue agora mesmo unha superficie duns 1.000 metros cadrados, e tres camións cisterna ocúpanse de recoller o cru. Até o lugar tamén se desprazaron expertos do PERN e os servizos de emerxencia territoriais, que procederon a asegurar a zona mentres non se controle a fuga.

Sen indicios de sabotaxe

O oleoduto Druzhba transporta petróleo desde Siberia, en Rusia, a Alemaña, Polonia, Bielorrusia, Hungría, Eslovaquia, República Checa e Austria.

Unha vez o cru chega á cidade de Plock, este é almacenado nunha refinaría de maneira provisional, até que é trasladado ás grandes refinarías das cidades de Schwedt e Leuna, na fronteira entre Alemaña e Polonia.

Polo de agora descoñécense as causas específicas deste incidente, mais o máximo responsábel da operadora polaca, Mateusz Berger, sinalou que non hai ningún indicio que apunte que se poida tratar dunha sabotaxe, descartando así calquera relación cos ataques que sufriu no mar Báltico, a finais de setembro, o gasoduto ruso Nord Stream.

Comentarios