O Polisario denuncia na ONU a "falsa propaganda" de Marrocos

A China apoia a devolución das Malvinas á Arxentina durante a sesión do Comité Especial de Descolonización da ONU que reclamou a Londres e Bos Aires que negocien unha solución ao respecto.
Sidi Mohamed Omar. (Foto: ONU)
photo_camera Sidi Mohamed Omar. (Foto: ONU)

O representante da Fronte Polisario na Organización das Nacións Unidas (ONU), Sidi Omar, remitiu unha misiva ao Consello de Seguridade da entidade na que expón a “falsidade das alegacións do representante da potencia ocupante de Marrocos” durante as sesións da Cuarta Comisión Política Especial de Descolonización, confirmaron a cuarta feira medios internacionais.

Rabat trata de conseguir novos apoios para a súa proposta de autonomía do Sáhara Occidental, avalada polo Estado español ou os Estados Unidos, porén, Omar salientou que “o Estado ocupante confunde os Estados membros da ONU coa súa xente na casa, á que adoita enganar coa súa propaganda mendaz e impresionar coas súas ‘espectaculares’ batallas contra muíños de vento”.

Tras explicar a situación da colonización do Sáhara Occidental, un día despois de que organizacións non gobernamentais advertiran do estado “alarmante” das refuxiadas e refuxiados saharauís no Tindouf (Alxeria), o representante saharauí asegurou que o pobo “nunca renunciará ao seu dereito inalienábel á autodeterminación e á independencia”, sostendo que canto antes se decate Marrocos “desta realidade irreversíbel, mellor para a paz e a seguridade na rexión”.

Descolonización das Illas Malvinas

Aliás, o Comité Especial de Descolonización da ONU aprobou unha resolución por consenso na que reclama ao Reino Unido e á Arxentina reactivar as negociacións para atopar “á maior brevidade posíbel unha solución pacífica e definitiva” arredor da soberanía das Illas Malvinas, Georgias do Sur, Sandwich do Sur e os espazos marítimos asociados.

Estas illas, que Bos Aires considera parte do seu territorio, están controladas na actualidade por Londres, que se atopa a máis de 12.000 km e que consolidou a súa posesión na guerra de 1982, negándose a negociar a súa devolución á Arxentina.

O titular de Exteriores arxentino, Santiago Cafiero, insistiu na “decidida vontade de alcanzar unha solución” sobre o territorio “de conformidade coas resolucións pertinentes da Asemblea Xeral da ONU”, detallando que Londres “ocupou ilegalmente” as Malvinas en 1833.

Geng Shuang, representante chinés na ONU, apoiou a petición arxentina e definiu a disputa como “un legado histórico do colonialismo”, ratificando que “aínda que a era colonial pasou, o hexemonismo e as políticas de poder en liña co pensamento colonial seguen a existir”.

Comentarios