A Policía española detén un xornalista ucraíno acusado de "alta traizón" polo Goberno de Zelenski

Esta quinta feira foi posto en liberdade provisional con medidas cautelares e o seu pasaporte quedou retido pola Xustiza.
O xornalista ucraíno Anatoli Sharii. (Foto: YouTube)
photo_camera O xornalista ucraíno Anatoli Sharii. (Foto: YouTube)

A Policía Nacional española vén de confirmar a detención esta cuarta feira en Tarragona (Catalunya) do xornalista e blogueiro ucraíno Anatoli Sharii, acusado polo Goberno que preside Volodimir Zelenski de "alta traizón" pola súas posicións favorábeis a Rusia.

O anuncio fixérano previamente os Servizos de Seguridade de Ucraína (SBU), cuxas pesquisas a respecto de Sharii remontaríanse ao ano 2021. O xornalista, defendido polo avogado Gonzalo Boye, pasou esta quinta feira a disposición xudicial perante a Audiencia Nacional, que decretou a liberdade provisional con medidas cautelares.

No auto, recollido por Europa Press, indícase que Sharii deberá comparecer os días 1 e 15 de cada mes no xulgado máis próximo ao seu lugar de residencia. Aliás, retiróuselle o pasaporte, xa que o xuíz prohibiu que abandone o Estado español.

O SBU argumenta que Anatoli Sharii participou de "actividades contrarias á seguridade nacional de Ucraína" a través do seu labor como xornalista, "actuando ao servizo de intereses estranxeiros". Acúsao, aliás, de promover un "discurso de odio".

As autoridades ucraínas afirmaron que farán "todo o posíbel" para que o blogueiro "renda contas" polos seus presuntos delitos. "É outra proba de que os traidores recibirán o seu castigo tarde ou cedo", subliñaron.

Sharii advertira da súa posíbel detención esta mesma cuarta feira a través do seu perfil en Twitter: "O conselleiro do ministro de Interior de Ucraína decidiu ameazarme hoxe. Díxome que a Intelixencia ucraína me atoparía en Europa e... [...] O meu único crime é que os descubrín demasiado pouco, ladróns", proseguiu.

Esta quinta feira, após ser posto en liberdade provisional, agradeceu o labor do equipo de avogados de Boye e ironizou sobre a súa detención, que a Policía Nacional defendeu que se axustou ao Dereito internacional após demandalo Ucraína: "Expreso o meu agradecemento á Fiscala Xeral de Ucraína, Irina Venediktova. Es a mellor! Non só es fermosa e intelixente, tamén es incríbel. Grazas".

Comentarios