Crise dos pellets

Portugal activa un plan de continxencia para evitar unha "marea de pellets"

As autoridades portuguesas descoñecen a localización dos contedores, reforzan a vixilancia da súa costa e prepáranse para unha eventual chegada de granulado.
Labores de fiscalización marítima en Portugal. (Foto: Marinha Portuguesa)
photo_camera Labores de fiscalización marítima en Portugal. (Foto: Marinha Portuguesa)

A Autoridade Marítima Nacional (AMN) portuguesa puxo en marcha a finais da semana pasada o Plan mar limpo de prevención no seu nivel 2, coordinado polo de agora a nivel rexional polas capitanías dos portos de Caminha e Viana do Castelo, os que se atopan máis perto da fronteira coa Galiza. "Debido á situación que se está vivindo nas praias galegas, decidimos activar este plan, contemplado na lei, reforzando as patrullas en todos os departamentos marítimos para controlar se algún granulado se aproxima á nosa costa. Ademais, xunto co Instituto Hidrográfico da Marinha portuguesa, estamos realizando constantemente unha análise das probabilidades de que grandes cantidades de bólas plásticas cheguen a Portugal. As previsións meteorolóxicas, oceanográficas e o noso cálculo de deriva non apuntan a que iso vaia acontecer polo momento", explica o portavoz da AMN, o comandante José Sousa Luís.

Nos últimos días foron atopados apenas entre douscentos e trescentos “pellets” nas praias do norte do país veciño. Segundo Sousa Luís, “son cantidades moi reducidas e moito dese granulado encóntrase moi desgastado e iso podería significar que xa leva algún tempo no medio ambiente, polo tanto, non sabemos se pode ser o mesmo que está chegando ás praias galegas. Nas patrullas realizadas por mar tampouco localizamos cantidades importantes desas bólas que poidan ser detectadas antes de chegar á costa. Pero isto, como digo, responde aos cálculos que levamos a cabo co Instituto Hidrográfico portugués”.

En terra firme, e como parte do Plan mar limpo, varios equipos de limpeza estarían xa preparados en colaboración cos municipios e organismos públicos e privados, para ser activados en caso de que a costa portuguesa se vise afectada pola chegada dos “pellets”.

Os contedores non foron localizados na superficie

O pasado oito de decembro, a Autoridade Marítima Nacional portuguesa emitía unha alerta á navegación despois de recibir un aviso dun navío sobre a caída ao mar dun total de seis contedores, algo moi perigoso para os barcos que transitan pola zona, a corenta millas, é dicir, a uns setenta e cinco quilómetros fronte á costa de Viana do Castelo.

“O protocolo prevé que cando se recibe o aviso sobre a caída de contedores, esa información é transmitida a varios Ministerios en Lisboa e despois diseminada polos países da Unión Europea. Enviamos tamén despois do aviso un barco da capitanía de portos de Viana do Castelo á zona do incidente para localizar os contedores, algo que non foi posíbel. Pero iso non quere dicir que se teñan afundido, porque son moi difíciles de ver no mar. Se os contedores estivesen na superficie normalmente pódense facer dúas cousas: ou retiralos e traelos a terra, algo moi complexo, ou incluso afundilos se supoñen un perigo para a navegación. Neste caso ao non ser localizados non se levou a cabo ningunha operación. O aviso á navegación repetiuse nos días seguintes”, precisa o portavoz da AMN.

José Sousa Luís asegura que polo momento descoñécese a localización dos contedores, se se afundiron, se seguen á deriva, se teñen chegado á costa ou se foron avistados por alguén. Tampouco dispoñen de confirmación de que os “pellets” que están aparecendo nas praias da Galiza e doutras comunidades autónomas, sexan parte da carga perdida o pasado mes de decembro.

“Pode ser así, pero nós non temos esa confirmación. Normalmente non sabemos o que levan os contedores dos barcos, só sabemos se a carga é normal ou perigosa, é dicir, químicos ou explosivos, por exemplo. Sobre a carga normal como electrodomésticos ou roupa, non se informa. O noso Plan mar limpo foi activado porque existe unha situación de contaminación perto da nosa costa e iso pode ser perigoso se finalmente ese material entra na cadea alimentaria”, insiste.

A carga perdeuse na zona exclusiva portuguesa

A Convención de Montego Bay das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar, aprobada en 1982, estabelece en doce millas o mar territorial dun Estado membro, en vinte e catro a zona contigua sobre a que ten poder de fiscalización para previr, por exemplo, infraccións dos regulamentos fiscais, de inmigración ou sanitarios nas súas augas, e en duascentas millas a zona económica exclusiva para exploración e explotación de recursos naturais.

“A perda dos contedores aconteceu a corenta millas fronte a Viana do Castelo, polo tanto, todo indica que foi nesa zona económica exclusiva, e neste caso Portugal só pode actuar nos asuntos relacionados con aspectos económicos, como se indica no artigo 56 da Convención”, subliña Ana Cristina Pimentel, Profesora de Dereito Marítimo na Escola Superior Náutica de Portugal.

“Portugal non ten a obrigación de intervir para localizar, por exemplo, os contedores, pero en termos de cooperación con outros Estados como España sería acertado neste caso xa que o granulado pode chegar ás costas portuguesas nos próximos días, semanas ou meses. Sería ademais moi estraño que se España decide localizar os contedores ou levar a cabo algunha operación nesa zona, non se puxese en contacto e contase coa colaboración das autoridades de Lisboa”, afirma.

Desde a Autoridade Marítima Nacional, o comandante Sousa Luís asegura que o capitán do porto de Caminha “está en contacto co seu homólogo do outro lado da fronteira para facer o seguimento da situación do granulado”.

Comentarios