Unha pílula "anti-resaca" esgótase no Reino Unido após 24 horas á venda

A previsión da empresa era que o 'stock' non acabase até dentro de seis meses.
Festa de turistas nunha discoteca de Ibiza. (Foto; Europa Press)
photo_camera Festa de turistas nunha discoteca de Ibiza. (Foto: Europa Press)

Myrkl, un medicamento "anti-resaca" que saíu á venda esta terza feira no Reino Unido, está xa esgotado nas primeiras 24 horas no mercado.

Ese dato chama máis a atención despois de escoitar os empresarios da compañía produtora, que tamén recibe o nome de Myrkl, recoñecer que as primeiras estimacións sinalaban que tardaría seis meses en esgotarse.

Neste sentido, o CEO da empresa, Hakan Magnusson, asegurou que o cadro de persoal está "a traballar o máis rápido posíbel para garantir que as persoas poidan volver realizar pedidos" na páxina web de Myrkl, xa que este medicamento non está á venda en espazos físicos.

Foi tal o volume de pedidos recibidos que a empresa tivo que limitar a número de caixas que se poden comprar. Nun principio ese número era ilimitado, pero agora cada persoa compradora só pode adquirir unha caixa.

Funcionamento da pastilla

Os comprimidos de Myrkl deben ser inxeridos cando menos dúas horas antes de tomar o primeiro vaso de bebida alcólica.

A pílula contén unha serie de bacterias que descompón o alcol dentro do organismo e evita os procesos químicos que provocan os síntomas da resaca.

Porén, este medicamento non evita por completo estes sinais, xa que na resaca están implicados outros factores que non teñen relación co fígado, como a deshidratación ou os baixos niveis de azucre en sangue.

Segundo as estimacións da propia empresa, as persoas que bebían dous vasos de viño e tomaban antes dous comprimidos presentaban un nivel de alcol 70% menor ao das persoas que non inxerían o medicamento.

Comentarios