As peticións de despexo de vivendas en alugueiro medran 17% en Portugal

Prevense máis aumentos no prezo dos inmobles.
Vivendas no interior da cidade de Lisboa, a capital lusa (Foto: camaralucida1).
photo_camera Vivendas no interior da cidade de Lisboa, a capital lusa. (Foto: camaralucida1)

En 2023, as peticións de despexo recibidas polo Balcão Nacional de Arrendamento sufriron un incremento de 17% en relación a 2022, recolleu hoxe o Diário de Notícias. Os incumprimentos no pagamento están detrás da maioría das case 2.700 solicitudes, un terzo das que se concentraron no distrito de Lisboa, e das que foron executadas máis de 1.000.

Así e todo, António Machado, que encabeza a Associação dos Inquilinos Lisbonenses, alerta de que estas cifras “están apartadas da realidade” polo volume de contratos ilegais que non entran nas estatísticas.

En Lisboa, o prezo medio da vivenda elevouse máis de 50% en catro anos. Este exercicio prevense novas subas a pesar do paquete lexislativo Mais Habitação lanzado polo Executivo do Partido Socialista (PS), sancionado finalmente a finais de 2023.

Onte arrancou no país a campaña electoral para os comicios lexislativos do 10 de marzo. As enquisas apuntan a unha pugna entre o PS e a coalición encabezada polo conservador Partido Social Democrata pola primeira praza, entre unha alza da extrema dereita do Chega.

Comentarios