Pedro Sánchez propón rebaixar as instrucións xudiciais para aprobar a amnistía

A Mesa determinará os prazos para a tramitación da norma.
Pedro Sánchez, hoxe. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, hoxe. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

Nas últimas semanas víronse “instrucións [xudiciais] que se prolongan e que incluso os propios fiscais puxeron en cuestión”, recalcou hoxe o presidente español, Pedro Sánchez (PSOE), que sostivo que “hai elementos que podemos incorporar de mellora e que poden remediar algunhas das dúbidas que poidan ter esas formacións políticas”, en alusión a Junts e a Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). Esta mudanza implicaría cambiar a Lei de Axuizamento Criminal.

A semana pasada Junts impediu a aprobación da proposta de lei de amnistía no Congreso demandando que foran validadas as súas emendas, que buscaban blindar a aplicación ás persoas independentistas represaliadas da norma incluíndo os delitos polos que a Xustiza española as está a acusar, así como a aplicación inmediata da amnistía.

Nese sentido, o PSOE retrucou que non aceptaría modificacións á lexislación aducindo que isto poría en risco a súa “seguridade xurídica”, un punto no que tamén fixo énfase o mandatario, que incidiu en que agora mesmo “se aliña co dereito europeo”.

As declaracións de Sánchez, que subliñara que “serán amnistiados todos os independentistas cataláns porque non son terroristas”, producíronse despois de que Álvaro Redondo, fiscal do Tribunal Supremo, defendera nunha resolución que non existen “indicios racionais de criminalidade” contra o ex presidente catalán Carles Puigdemont, imputado na causa que investiga as protestas de Tsunami Democràtic.

Asemade, asegurou que “non concorre o tipo penal de terrorismo”, nun caso no que amais de Puigdemont tamén foi inculpada por terrorismo a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, entre outras persoas. Con anterioridade tamén a Fiscalía da Audiencia Nacional, onde o xuíz Manuel García-Castellón, vinculado co Partido Popular (PP), dirixe o caso, emitira unha resolución en termos similares.

Antes da votación no Congreso tanto este maxistrado como o xuíz Joaquín Aguirre, do Xulgado de Instrución 1 de Barcelona, que encabeza o ‘Caso Voloh’, anunciaron unha prórroga de seis meses na instrución das causas.

A Mesa decide sobre a norma

Mañá, a Mesa do Congreso analizará un documento dos servizos xurídicos da Cámara Baixa que defende que a lei de amnistía volva á Comisión de Xustiza para aprobar un novo ditame, fixando no 21 de febreiro o límite para que reciba luz verde e poida ser debatida e votada de novo no Hemiciclo.

Comentarios