París, Londres e Washington preparan o seu ataque contra Siria

Barcos de guerra estadounidenses agardan nas costas chipriotas a orde para atacar edificios militares sirios. The Washington Post di que o ataque se podería producir esta quinta feira

photo_camera Barack Obama, David Cameron e François Hollande

Francia, Reino Unido e os EUA alíñanse para lanzar a ofensiva militar contra Siria. Buques de guerra estadounidenses prepáranse para un inminente ataque nas costas chipriotas. Segundo publica o diario The Washington Post, o ataque podería perpetrarse esta quinta feira e desenvolveríase a través de misís de longo alcance dirixidos contra a infraestrutura militar siria. 

Rusia e os EUA manteñen unha xuntanza bilateral na Haia para abordar o conflito sirio

A decisión da administración Obama --que aínda non foi feita pública de maneira oficial-- súmase á expresada polo primeiro ministro inglés, David Cameron, nos últimos días. O goberno británico debaterá na Cámara dos Comúns esta quinta feira se intervén no conflito sirio e que medidas adoptar. Neste senso, sinalou Cameron, "calquera acción que adoptemos ou que outros adopten" --en relación aos EUA-- "tería que ser legal e proporcional". 

Porén, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas --órgano político que debe dar luz verde a calquera intervención militar internacional-- non apoiará a ofensiva, pois Rusia e China --membros permanentes-- manteñen o seu veto. Con consenso ou sen el, os "aliados" xa están a deseñar as súas estratexias militares e semellan decididos a iniciaren un ataque nos vindeiros días. 

"Franza castigará os que gasearon inocentes". O último en pronunciarse ao respeito foi o presidente francés François Hollande. O mandatario anunciou que o seu goberno "intensificará a axuda aos opositores" e enviará apoio armamentístico e económico aos grupos rebeldes. Aliás, non descarta tomar parte na intervención militar deseñada polos EUA e sobre a que o Consello político da NATO podería pronunciarse esta cuarta feira.

Comentarios