O ministro de Asuntos Exteriores do Reino Unido, William Hague, dixo este domingo que era evidente a responsabilidade do Goberno Assad no ataque con armas químicas denunciado polas forzas opositoras sirias.
Damasco, mais tamén Teherán, advertiron sobre as consecuencias dun eventual ataque occidental contra Siria. A televisión pública do país árabe dixo que a intervención militar tornaría a rexión nunha "bola de lume".
William Hague afirmou que se Damasco non tivese nada que agachar o goberno sirio tería accedido xa á pasada semana a que os inspectores da ONU visitasen a zona afectada. Fontes de Downing Street dixeron ao rotativo británico The Guardian que o Goberno de David Cameron está a considerar un amplo abano de opcións militares, entre elas ataques da aviación, a imposición dunha zona de exclusión aérea e o envío de máis armamento ás forzas opositoras.
O Executivo de Cameron non considera necesario o aval dunha resolución do consello de seguranza de Nacións Unidas
En todo caso, quer os EUA quer o Reino Unido desbotarían neste momento o escenario de envío de tropas terrestres.
Fontes gobernamentais admiten que o Executivo de Cameron non considera necesario o aval dunha resolución do consello de seguranza de Nacións Unidas para desencadear un ataque militar. Rusia -membro do consello de seguranza e aliado de Damasco- en ningún caso daría o seu apoio a ningunha intervención contra Siria.
Así as cousas, un eventual ataque a Siria carecería de cobertura legal internacional. Estaríamos perante a repetición da guerra contra o Iraque desatada polos EUA e o Reino Unido, co Estado español no papel de comparsa.
Na guerra do Iraque o ataque imperialista xustificouse sobre a base da existencia de armas de destrución masiva. Era mentira. Non existían. Nunca apareceron. Foron só unha escusa para a anexión militar dun enclave estratéxico.