Paquistán cortou internet e os servizos de telefonía nas votacións

Producíronse masivas denuncias por irregularidades.
Votacións hoxe en Paquistán. (Foto: Ahmad Kamal / Europa Press / Contacto)
photo_camera Votacións hoxe en Paquistán. (Foto: Ahmad Kamal / Europa Press / Contacto)

Após a represión nos últimos meses contra o ex primeiro ministro Imran Khan e a súa formación, o Movemento pola Xustiza (PTI), que levou a que as organizacións en defensa dos dereitos humanos descartaran que se tratara de eleccións xustas e libres, durante os comicios xerais que decorreron hoxe en Paquistán as autoridades, sobre todo as Forzas Armadas, non remitiron na persecución ao partido, a cuxos representantes electorais se lle impediu ingresar nos colexios electorais no Punjab, a provincia máis grande do Estado, e que reparte máis de 40% dos escanos da Asemblea Nacional, segundo denunciou Zulfi Bukhari, asesor próximo a Khan.

Estes representantes son clave á hora de revisar o reconto, explicou. Ademais, a canle Al Jazeera informou de que persoas interventoras do PTI en Khyber Pakhtunkhwa, na fronteira con Afganistán, foron secuestradas.

Durante a xornada electoral bloqueouse no país o acceso a internet e a servizos telefónicos, o que foi criticado por entidades como Amnistía Internacional, que debullou que isto afecta “á mobilidade, aos medios de vida e á capacidade das persoas para atravesar tempos difíciles, o que socava aínda máis a súa confianza nas autoridades”, e Access Now afirmou que “cortar o acceso á información desacredita a integridade das eleccións”.

Entrementres, o Goberno reiterou que o acceso foi suspendido por motivos de seguridade.

Ataques "terroristas"

Após a morte de 28 persoas en distintos ataques con explosivos na véspera das votacións, o Exército sostivo que hoxe producíronse 51 “ataques terroristas”, a meirande parte nas provincias de Baluchistán e Khyber Pakhtunkhwa, causando a morte de 12 persoas, a maioría membros das forzas de seguridade, e ferindo 39 máis.

Agás a Liga Musulmá, a formación conservadora de Nawaz Sharif, que todo indica que foi o escollido polo Exército para dirixir o país despois dos comicios, o resto das grandes formacións fixeron públicas denuncias por irregularidades, e Khan, preso desde agosto, reclamou nas súas redes sociais á poboación que se concentrara fóra dos colexios electorais nunha tentativa de evitar a manipulación dos resultados.

En Karachi, a cidade máis grande do país e capital da provincia de Sind, o xornal Dawn trasladou as denuncias dos equipos xornalísticos de que grupos paramilitares ao servizo do Executivo, mais vinculados polo xeral co Exército, non permitiron acceder ás oficinas de escrutinio, nas que no pasado foron manipulados resultados electorais.

Comentarios