Os países europeos duplican a importación de grandes armas

Francia convértese no segundo exportador mundial.
Mísil norcoreano en febreiro. (Foto: KCNA vía YNA / DPA)
photo_camera Mísil norcoreano en febreiro. (Foto: KCNA vía YNA / DPA)

Entre 2019 e 2023, os Estados europeos incrementaron 94% as súas importacións de grandes armas en relación ao período comprendido entre 2014 e 2018, desvelou o informe sobre transferencias de armas publicado hoxe polo Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (Sipri).

A meirande parte corresponde aos membros da Unión Europea (UE) e á súa contorna. Até 55% das importacións continentais procederon dos Estados Unidos, que no período anterior concentraran 35% das adquisicións.

Os datos reflicten que por primeira vez Francia superou Rusia e se converteu no segundo exportador mundial após un aumento de 47% nas vendas, en paralelo á redución rusa de 53%. Cada un destes países suman 11% das exportacións mundiais, moi por detrás de Washington, que agrupa 42% das exportacións de grandes armas.

Ucraína é o principal importador europeo e o cuarto do mundo despois da India, Arabia Saudita e Qatar. Este tipo de importacións caeron en África, 52%, e América, 7,2%. No que atinxe a Israel, 69% das súas importacións proveñen dos Estados Unidos e 30% de Alemaña.

O director do Sipri, Dan Smith, advertiu que as políticas de compras dos Estados europeos poderían modificarse “se as relacións transatlánticas cambian nos próximos anos”, debullando que entre os factores que motivan as adquisicións aos estadounidenses dos membros europeos da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) está “o obxectivo de manter as relacións transatlánticas canda cuestións máis técnicas, militares e de custos”. Pola súa parte, Francia “está a aproveitar a gran demanda mundial”, apunta Katarina Djokiv, investigadora do Sipri.

No marco da carreira armamentística impulsada pola OTAN, Bruxelas presentou a semana pasada unha proposta para que a finais desta década 40% das compras de armas sexan conxuntas e que a metade proceda da UE.

París segue a insistir na posibilidade de que tropas da alianza militar dirixida polos Estados Unidos sexan despregadas en Ucraína -onde xa habería un pequeno continxente-, e que xerou unha escalada de tensións entre Moscova e a OTAN.

O titular francés de Exteriores, Stéphane Séjourné, reuniuse a pasada semana cos seus homólogos bálticos e Ucraína, cos que tratou esa opción, limitando a operación a tarefas de desminado. O certo é que, ante a negativa de múltiples Estados da OTAN a enviar tropas, Estonia, Letonia e Lituania “están máis abertas”, constata o xornal Politico, mentres que Polonia non o descarta.

Comentarios