O pacifismo sitúa en 25% dos votos a un partido anticapitalista en Alemaña

Unha nova alternativa política pon en cuestión a estrutura de poder en Alemaña. Chámase Alianza Sahra Wagenknecht pola Razón e a Xustiza e algunhas sondaxes xa a sitúan arredor de 25% do voto.

Maischberger - 2023-02-08
photo_camera Sahra Wagenknecht, dirixente da nova formación da esquerda alemá. (Foto: Nós Diario).

A Alianza Sahra Wagenknecht pola Razón e a Xustiza é a forza política de moda en Alemaña. Sen ir máis lonxe, unha enquisa publicada na última semana na canle de televisión pública ARD e elaborada polo instituto de opinión Infrates dimap outorgáballe perto de 25% dos votos e colócaa en condicións de alcanzar a chancelería.

A formación non deixa de medrar desde que anunciou a súa constitución o pasado 23 de outubro. Só unha semana despois da fundación, unha sondaxe encargada polo xornal conservador Bild, o primeiro en tiraxe da Unión Europa, asignáballe 12% de intención e situábaa por diante do gobernante Partido Socialdemócrata.

O sector comunista do partido Die Linke

Os impulsores desta organización non son novos na política, militando na súa totalidade no denominado sector comunista do partido Die Linke, en galego A Esquerda. Precisamente, nove deles facían parte da súa bancada Bundestag, a asemblea lexislativa alemá.

A formación recolle o nome da súa principal dirixente, Sahra Wagenknecht. Esta procede do Partido Socialista Unificado de Alemaña, organización marxista e leninista que gobernou durante décadas na República Democrática Alemá, ao que se afiliou só tres meses antes da queda do muro de Berlín. Posteriormente, fixo parte do seu herdeiro, o Partido Socialista Democrático, organización que rematou integrada en Die Linke.

As diverxencias ideolóxicas de Sahra Wagenknecht e do seu grupo coa liña hexemónica de Die Linke veñen de vello. Este sector, defendía unha profunda reformulación do proxecto para situar en primeiro plano a contradición entre o capital e o traballo. Asemade, apostaba por adoptar o marxismo como eixo da súa liña política e unha acción política nucleada no anticapitalismo.

Unha impugnación a esquerda hexemónica na UE

A Alianza Sahra Wagenknecht pola Razón e a Xustiza articula sobre estas premisas as súas bases ideolóxicas. As mesmas, publicadas no xornal de esquerdas, Junge Welt, o antigo voceiro das xuventudes Partido Socialista Unificado de Alemaña, representan unha forte impugnación ao programa da esquerda hexemónica no espazo da Unión Europea e de Estados Unidos.

O partido sitúa a defensa dos traballadores e a redistribución da riqueza como pedra angular da súa proposta. Neste sentido, defende recuperar os valores e o corpo ideolóxico tradicional da esquerda, situando como suxeito da súa alternativa ás clases populares. Asemade, reclama un reforzo dos servizos públicos, particularmente da sanidade e o alongamento do modelo de benestar.

A formación recolle no seu programa aumentar o salario mínimo a 14 euros a hora, mellorar os soldos e incrementar as axudas para os máis pobres. A este respecto, avoga por una suba dos impostos ás rendas máis altas e as corporacións empresariais, desmontando o modelo económico alemán baseado desde a época do chanceler socialdemócrata, Gerhard Schröder, na desvalorización interna.

A loita ideolóxica

Sahra Wagenknecht destacouse dentro de Die Linke pola súa batalla ideolóxica ás denominadas políticas identitarias, que discriminan o factor clase e desvinculan as loitas sectoriais da dinámica global pola transformación da sociedade. A este respecto, a súa nova formación defínese como anticapitalista.

A Alianza Sahra Wagenknecht pola Razón e a Xustiza amósase moi crítica con aquelas versións do feminismo e do ecoloxismo que desvinculan a problemática de xénero ambiental da loita contra o capitalismo. Neste punto, denuncian que os problemas dunha muller traballadora nada teñen a ver coas da muller doutra clase social.

O proxecto desta nova alternativa de esquerdas aséntase no que eles denominan anticapitalismo. Porén, a súa formulación e referencias ideolóxicas son radicalmente diferentes as organizacións desta definición asociadas á IV Internacional.

A defensa da paz e o antiimperialismo

A organización recupera o antiimperialismo como eixo da súa política internacional. Así, defende unha alternativa negociada entre Rusia e Estados Unidos para o conflito de Ucraína, a aposta de Alemaña pola paz e a saída deste Estado da OTAN. Neste punto, capitaliza a forte oposición existente no país ao apoio do Goberno alemán a estratexia estadounidense para Ucraína.

Unha das razóns que acelerou a aparición deste partido foi a posición de Die Linke respecto da cuestión ucraína. A este respecto, no seu escrito de baixa nesa formación, Wagenknecht critica que o partido non apoiara o forte movemento pola paz e contra o envío de armas a Ucraína existente en Alemaña.

A nova formación de esquerdas non dubida en expresar, tamén. o seu apoio á causa do pobo palestino e rexeitar o xenocidio israelí, unha cuestión convertida en anatema para o resto das formacións políticas do país.  

Comentarios