Alemaña endurece a súa política migratoria logo de anunciar Italia que enviará migrantes a Albania

Tirana acollerá as persoas rescatadas no mar por Roma, que financiará centros de migrantes no país balcánico.
Olaf Scholz, chanceler alemán, nun acto a finais de outubro. (Foto: Michael Kappeler / DPA)
photo_camera Olaf Scholz, chanceler alemán, nun acto a finais de outubro. (Foto: Michael Kappeler / DPA)

O chanceler alemán, Olaf Scholz, e as persoas titulares da Presidencia dos Estados que conforman o país, remataron na madrugada desta terza feira unha reunión que comezara a segunda feira na que acordaron reducir as axudas sociais ás persoas que soliciten asilo, tratando ao tempo de impedir que as envíen ao seu país de orixe.

Tamén pactaron aumentar a expulsión de solicitantes ás que lles sexa denegado o asilo, elevar o financiamento federal á acollida de migrantes e unha intensificación nos controis fronteirizos con Polonia, Chequia e Suíza.

O anuncio chegou poucas horas despois de que o Goberno de extrema dereita italiano anunciara un acordo con Albania para enviar ao país balcánico as persoas migrantes que sexan rescatadas no mar por buques italianos, financiando a creación de centros de migrantes. Elly Schlein, líder do progresista Partido Democrático, denunciou que “semella unha violación aberta das normas do dereito internacional e europeo”, e a Comisión Europea sinalou que solicitará detalles sobre o pacto.

Comentarios