Opinión

Sesenta anos de muro

O 26 de xuño de 1963 o presidente dos EUA, John F. Kennedy, pronunciaba en Berlín un discurso no que dicía: "...Non coñezo ningunha cidade, ningunha vila que fose asediada por dezaoito anos e que viva coa vitalidade, a forza, a esperanza e a determinación da cidade de Berlín Occidental...". 

Co paso dos anos quen escriben a historia oficial converteron aquel discurso en denuncia universal do muro de Berlín e canto á solidariedade e á liberdade; destacando as palabras coas que o presidente estadounidense remataba a súa intervención "...Hai dous mil anos, non existía maior orgullo que dicir 'Civis  Romanus  sum' ('son un cidadán romano'). Hoxe, no mundo da liberdade, non hai maior orgullo que poder dicir 'Ich  bin  ein  Berliner!!' (Son  berlinés!!)".

Aquel 26 de xuño poucos lembraban que quen pronunciaba o discurso, dezaseis meses antes dera orde de levantar un muro moito máis alto e moito máis daniño que o famoso muro de Berlín. 

Hai un pobo que leva sesenta anos en estado de guerra, con parte do territorio ocupado por unha base militar dos EUA

Podemos ser comprensivos co feito de que persoas emocionadas polo acontecemento ao que asistían non investigaran as decisións adoptadas polo protagonista e non denunciaran a dobre vara de medir de quen se presentaba como paladín da liberdade. Pero o que non podemos admitir é que a historia oficial recolla ese feito, e oculte outros que teñen igual ou maior transcendencia. De igual xeito, debemos denunciar que determinados aniversarios se conmemoren de xeito esaxerado e outros sexan totalmente ocultados.

O 3 de febreiro de 1962 John F. Kennedy asinou a Orde Executiva 3447, decretando o bloqueo económico, comercial e financeiro contra Cuba; dous anos antes os EUA decidiran a ruptura unilateral de relacións diplomáticas e, co bloqueo, decidían avanzar no obxectivo marcado desde o minuto un de derrocar por calquera medio o goberno revolucionario cubano. 

Sesenta anos despois non hai interese en lembrar esa decisión criminal, e a primeira potencia mundial non deu conseguido dobregar nin humillar a unha pequena nación,  que pese ás graves carencias que sofre mantén a súa dignidade e segue dando importantes leccións á humanidade.

Ningún dos presidentes que sucederon a Kennedy no despacho oval da Casa Branca tivo interese en derrubar o inmenso muro que supón o bloqueo a Cuba. E case todos eles adoptaron decisións tendentes a perpetualo e a aumentar a presión; decisións acompañadas por multitude de actuacións agresivas: operacións militares, adestramento e financiamento de grupos de mercenarios, inclusión de Cuba no listado de estados patrocinadores do terrorismo, presións directas a outros estados, plans para asasinar a Fidel Castro e a outros dirixentes cubanos, sabotaxes, atentados, etc...

O bloqueo, que ten producido danos á economía cubana por valor de máis de 144.000 millóns de dólares, pode cualificarse como acto de xenocidio en base á Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948, convención asinada pola maioría de estados, entre eles os EUA. A ONU, desde 1992, vén aprobando anualmente resolucións de condena do bloqueo e esixencia do seu fin; resolucións que non se executan polo poder de veto duns EUA que na última votación, en 2021, só contaron co apoio de Israel e a abstención de Colombia, Emiratos Árabes Unidos e Ucraína, fronte á oposición ao bloqueo de 184 estados.
Nestes tempos de desasosego, cando na moderna, democrática e desenvolvida Europa volven soar intensamente tambores de guerra, non estaría de máis fixar a nosa ollada na maior das Antillas. Alí hai un pobo que leva sesenta anos en verdadeiro estado de guerra, e con parte do seu territorio ocupado por unha base militar dos EUA. Ese pobo, na actual etapa marcada pola pandemia, foi quen de alcanzar un dos maiores niveis de efectividade na protección da súa poboación, desenvolvendo, ademais, varias vacinas e medicamentos contra a Covid. E non ten problema en ofertalos a outros pobos.

Se Cuba conseguiu iso enfrontándose ao muro do bloqueo, imaxinemos o que podería conseguir de non existir ese muro.

Comentarios