A OTAN, consciente de que Ucraína tampouco gañará a guerra en 2024

Rusia trata de completar o cerco de Avdiivka.
Kuleba, titular ucraíno de Exteriores, co líder da OTAN, Stoltenberg, hoxe. (Foto: NATO / DPA)
photo_camera Kuleba, titular ucraíno de Exteriores, co líder da OTAN, Stoltenberg, hoxe. (Foto: NATO / DPA)

É “improbábel” que Ucraína poida expulsar Rusia do Donbás, Khersón e Zaporijia en 2024, trasladou hoxe un alto funcionario da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) á axencia ANSA, sostendo que o enfoque “debe cambiar” se aspiran a imporse no conflito.

Desde o comezo da contraofensiva en xuño, Ucraína apenas logrou avances, e, de feito, son os soldados rusos os que tratan neste momento de completar o cerco de Avdiivka, situada nas proximidades da cidade de Donetsk.

O fracaso da operación foi admitido na xuntanza de titulares de Exteriores da alianza militar liderada polos Estados Unidos, na que só Hungría e Turquía propuxeron dar prioridade a un acordo diplomático para que cesen as hostilidades, explicou Peter Szijjarto, ministro de Exteriores húngaro.

Así e todo, a Unión Europea difundiu que cuadriplicará o financiamento para adestrar tropas do Exército ucraíno co investimento de 200 millóns de euros adicionais. Desde a invasión rusa, Bruxelas adestrou 34.000 soldados ucraínos.

Comentarios