A OTAN mobilizará tropas arredor de Ucraína

O Goberno español non ten previsto, polo de agora, aumentar o número de militares despregados coa OTAN no leste de Europa.
Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN (Foto: DPA / Europa Press).
photo_camera Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN (Foto: DPA / Europa Press).

Os líderes da OTAN decidiron esta sexta feira despregar as Forzas de Resposta Rápida para aumentar a defensa dos aliados en plena invasión rusa de Ucraína, segundo avanza Europa Press.

Tras a reunión virtual de líderes aliados, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, anunciou a despregadura por terra, mar e aire destas forzas para responder a "calquera continxencia".

As Forzas de Resposta Rápida compóñense de até 40.000 efectivos con capacidade para despregárense en calquera escenario nun prazo de cinco días e durante un máximo de 30.

Hai xusto un mes, Estados Unidos anunciou que puña en alerta 8.500 tropas para apoiar unha posíbel activación das forzas de actuación rápida da OTAN ante unha agresión de Rusia.

Dentro desta estrutura inclúese as brigadas internacionais das Forza Conxunta de Moi Alta Dispoñibilidade, uns batallóns de milleiros de efectivos que apoiados por forzas aéreas, navais e de operacións especiais poden despregarse de urxencia para facer fronte a crises militares.

Pola súa parte, o Goberno español non ten previsto aumentar o número de militares despregados coa OTAN no leste de Europa como si están a facer outros países da Alianza.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, expresou a "rotunda condena" do Estado español ao ataque ruso e advertiu que "nin a Unión Europea nin a OTAN van seguir consentindo agresións e vulneracións do dereito internacional".

Comentarios