Putin insta o Exército ucraíno a derrocar o Goberno de Zelenski

"Non permitan que os neonazis e os ultranacionalistas utilicen os seus fillos, esposas e anciáns como escudos humanos, tomen o poder nas súas mans", dixo o presidente ruso, en alusión ao Goberno de Ucraína.
Un tanque ruso entrando a Ucraína por Crimea, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Un tanque ruso entrando a Ucraína por Crimea, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, instou esta sexta feira o Exército ucraíno a "tomar o poder" pola forza para derrocar as autoridades do país, que, dixo, está nas mans de "drogaditos" e "neonazis".

"Non permitan que os neonazis e os ultranacionalistas utilicen os seus fillos, esposas e anciáns como escudos humanos, tomen o poder nas súas mans", apuntou, en declaracións recollidas pola axencia rusa Sputnik.

Nesta liña, afirmou que "semella que será máis doado" alcanzar un acordo cos militares "que con esta banda de drogaditos e neonazis que se aloxou en Kiev e tomou como refén o pobo ucraíno enteiro", engadiu, en alusión ao Goberno que preside Volodimir Zelenski.

"Os ultranacionalistas ucraínos e os neonazis despregan armas pesadas, incluídos lanzafoguetes múltiples, directamente nas zonas centrais das grandes cidades, mesmo en Kiev e Kharkiv. Prevén provocar o lume de resposta dos sistemas de ataque rusos contra áreas residenciais", salientou o presidente de Rusia.

Eses "neonazis", segundo Putin, "actúan da mesma maneira que os terroristas en todo o mundo, agochándose tras as persoas coa esperanza de acusar Rusia das baixas civís", concluíu.

Aliás, aproveitou para gabar a "eficacia" das Forzas Armadas rusas: "Estiveron actuando de forma honorábel e heroica para protexer o pobo ruso e a súa patria".

A vía diplomática

A respecto da petición de Zelenski de estabelecer un diálogo para cesar a invasión e "deter a morte de persoas", Putin afirmou: "Estamos dispostos a enviar representantes do Ministerio de Exteriores e a Presidencia para unhas negociacións".

Comentarios