Opinión

EDITORIAL | Non á guerra

[María Obelleiro]

A guerra nunca pode ser o recurso para resolver o litixio entre os pobos. Nin contra Ucraína, nin contra Siria, nin contra Afganistán nin contra o Iraq. A decisión de empregar a forza para eliminar o adversario converteuse en norma, após 1991, neste mundo onde rexe o unilateralismo. Un tempo encetado coa primeira guerra contra o Iraq a mans dos EUA e dos seus aliados que tivo paradas en diversos países de Oriente Medio, África e Asia e que chegou á mesma Europa, instigada a asasinarse nos Balcáns e bombardeada sen clemencia pola OTAN nas rúas de Belgrado.

Unha guerra que respondeu á lóxica da OTAN de ampliarse cara ao leste e cercar Rusia. Unha guerra que tivo continuación nas operacións militares patrocinadas no antigo espazo soviético. Unha guerra que, en todo caso, non pode servir de coartada para xustificar a intervención de Rusia contra a Ucraína.

O diálogo sempre é a solución. Precisamente neste momento, é hora de defender o cesamento inmediato dos combates, a volta á vía diplomática para a resolución deste conflito, a retirada do Exército ruso, a desaparición da OTAN e a defensa da neutralidade activa do Estado español, ao que non se lle perde nada nun conflito ao que destinou 600 efectivos militares. Non á guerra. Non a todas as guerras.

Comentarios