Rusia confirma que os seus soldados entraron en Kiev

O exército ucraíno conseguiu "frear os soldados rusos en todas as frontes", segundo Zelenski.

O Kremlin ratifica a entrada en Kiev das tropas rusas (Fotos: Valery Melnikov / Sputnik - Lu Jinbo / Xinhua News - Michael Kappeler / DPA ).
photo_camera O Kremlin ratifica a entrada en Kiev das tropas rusas (Fotos: Valery Melnikov / Sputnik - Lu Jinbo / Xinhua News - Michael Kappeler / DPA ).

Un voceiro do Ministerio de Defensa de Rusia acaba de confirmar que que as tropas Rusias xa se atopan en Kiev, despois de que o groso do destacamento se unise ás unidades que xa se atopaban apostadas no aeródromo Hostomel. Con esta manobra, Rusia pretende "bloquear a cidade de Kiev desde o oeste", ao tempo que soldados rusos inician unha ofensiva nas zonas residenciais da capital da Ucraína. 

O presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmou a primeira hora da mañá que varios destacamentos do exército ruso adentráronse no distrito de Obolon, na zona norte de Kiev, capital do país, a 15 km do centro.

Xa durante a quinta feira, Zelenski denunciou que os servizos de intelixencia ucraínos interceptaran comunicacións con pequenos comandos de sabotaxe, preparados para "adiantar a entrada do exército ruso" na cidade, mais non se percibe neles bandeira ningunha.

Nas imaxes, gravadas na súa maioría polos propios habitantes de Obolon, pódense ver tanques e soldados avanzar polas rúas baleiras no seu camiño cara ao centro da cidade. 

Asemade, nos últimos minutos, segundo as autoridades ucraínas, tamén se puideron escoitar enfrontamentos entre os militares locais que aínda resistirían e o Exército ruso. Neste sentido, Zelenski chamou a poboación a respectar o toque de queda e non saír das casas. O Ministerio de Defensa instou aqueles que tiveran coñecementos a fabricar cócteles molotov e frear na medida do posíbel o avance ruso.

Ucraína refírese ao "avance" das tropas rusas

As autoridades ucraínas e medios de comunicación internacionais denuncian que se están a producir bombardeos e "intervencións militares" na gran maioría do país. No día de onte, soldados do exército ruso, segundo Ucraína, fixéronse co control da cidade de Chernobyl e da súa zona de exclusión. As autoridades da Ucraína denunciaron que os niveis de radiación aumentaron de maneira considerábel após a ocupación.

Tamén en Kiev, o exército ruso entraría no aeroporto Antonov e na cidade de Vorzel, ao sur, mais as forzas ucraínas voltarían a recuperalo na mañá desta sexta feira, segundo fontes ucraínas.

Segundo as autoridades rusas, as súas Forzas Armadas terían destruído 118 obxectivos militares en Ucraína desde o inicio da que denominan "operación especial". Segundo o portavoz do Ministerio de Defensa ruso, Ígor Konashénkov, "durante os combates, depuxéronse as armas e rendíronse máis de 150 membros das diversas forzas de seguridade ucraínas". Na área da illa Zmeíni, 82 soldados ucraínos entregaríanse voluntariamente a unha unidade das Forzas Armadas rusas. 

Na actualidade, segundo o Ministerio de Defensa ruso, esíxenlles aos soldados ucraínos que firmen un xuramento conforme renuncian a participar nas hostilidades, "en breve eles poderán reunirse coas súas familias".

Comentarios