A ONU afirma non ter coñecemento da existencia de armas biolóxicas en Ucraína

O Consello de Seguridade da ONU reuniuse a petición de Rusia para estudar a suposta presenza de armas biolóxicas en Ucraína, algo que para os EUA é un "pretexto" de Moscova para "xustificar os seus propios ataques violentos".
O pleno do Consello de Seguridade da ONU reuniuse esta sexta feira a petición de Rusia (Foto: Sputnik).
photo_camera O pleno do Consello de Seguridade da ONU reuniuse esta sexta feira a petición de Rusia (Foto: Sputnik).

Esta sexta feira decorreu, a petición de Rusia, unha reunión do Consello de Seguridade da ONU na que o representante do Kremlin, Vasili Nebenzia, acusou os EUA de "financiar activamente proxectos de bioloxía en Ucraína".

Afirmou que "unha rede de 30 laboratorios biolóxicos estivo traballando para amplificar as propiedades patóxenas de enfermidades mortais".

Con todo, a Alta Representante para Asuntos de Desarmamento da ONU, Izumi Nakamitsu, salientou que Rusia non presentou "proba ningunha" sobre o tema, ao tempo que asegurou que Nacións Unidas non ten coñecemento de "ningún programa de armas biolóxicas en Ucraína".

Neste encontro, a embaixadora dos EUA ante a ONU, Linda Thomas-Greenfield, sinalou ante o Consello de Seguridade que, coas súas acusacións de armas biolóxicas, Rusia "utiliza o Consello para lexitimar e xustificar a actuación de Putin".

Thomas-Greenfield lembrou que recentemente o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, xa advertira que "Rusia fabricará un pretexto e acusacións sobre armas biolóxicas e químicas para xustificar os seus propios ataques violentos contra o pobo ucraíno".

Pola súa parte, a representante do Reino UNido ante a ONU, Barbara Woodward, sinalou que Moscova "trouxo ao Consello de Seguridade unha serie de teorías da conspiración", que cualificou de "absoluta tontería" porque "non hai mostra ningunha de que Ucraína teña un programa biolóxico".

Pola súa parte, a portavoz do Goberno chinés, Hua Chunying, instou nas súas redes sociais a que os Estados Unidos (EUA) conten "a verdade" sobre as "instalacións de investigación biolóxica", das que desvelou a súa existencia a subsecretaria de Estado de Asuntos Exteriores, Victoria J. Nuland, ante preguntas dos senadores estadounidenses, esta mesma semana.

"Que intentaba ocultar a embaixada de Estados Unidos en Kiev eliminando apresuradamente documentos do seu sitio web? Por que os EUA impiden, en solitario e durante 20 anos, a conclusión dun protocolo de verificación da Convención sobre Armas Biolóxicas? E que impide que os EUA abran os seus laboratorios biolóxicos no exterior, así como Fort Detrick, a inspeccións internacionais independentes?", apuntou Hua.

Comentarios