A ONU insta aos países desenvoltos a cumprir os compromisos climáticos

Kenya propón comezar o debate para implementar un imposto mundial ao carbono.
António Guterres. (Foto: Lev Radin / Europa Press / Contacto)
photo_camera António Guterres. (Foto: Lev Radin / Europa Press / Contacto)

Os Estados máis desenvoltos deben “cumprir a súa promesa” de destinar máis de 90.000 millóns de euros anuais á loita contra o cambio climático nos Estados menos desenvoltos, reiterou a terza feira o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, na súa intervención na Cimeira do Clima de África.

Guterres destacou que o continente “emite apenas 4% das emisións globais” -mentres os Estados Unidos e a Unión Europea (UE) son responsábeis de máis de 40% da emisión histórica de gases de efecto invernadoiro-, porén, “sofre algúns dos peores efectos do aumento das temperaturas globais” como “calor extrema, inundacións implacábeis e decenas de milleiros de mortes debido a secas devastadoras”.

O compromiso dos países con máis recursos económicos, que até o de agora non cumpriron ningún ano, permitiría a África garantir o acceso da súa poboación a electricidade producida de forma sostíbel, apuntou, salientando que conta co potencial para ser “un líder mundial en enerxías renovábeis” e lembrando a necesidade de mudar o sistema financeiro mundial e deseñar un “mecanismo eficaz de alivio da débeda”.

Asemade, o presidente de Kenya, William Ruto, denunciou que o cambio climático está a “devorar de forma implacábel” o progreso económico en África, e asegurou que chegou o momento de desenvolver unha negociación global para implantar un imposto ao carbono. “Quen produce o lixo négase a pagar as súas contas”, ratificou.

O certo é que, segundo refiren medios internacionais, hai un debate en marcha sobre como afrontar a transición ecolóxica entre os Estados produtores de petróleo e o resto. A cuarta feira, na clausura da cimeira, está prevista a sinatura dunha declaración conxunta que fixe a posición continental ao respecto.

Contaminación por pesticidas

O grupo parlamentario no lexislativo da UE dos Verdes/Alianza Libre Europea alertou a terza feira por medio dun informe da Rede de Acción en Praguicidas de Europa da contaminación por glifosato nas augas superficiais do bloque comunitario.

Análises nas augas doces de 12 Estados membros atoparon en once deles -incluído o Estado español- niveis do pesticida ou produtos derivados do seu uso que no mínimo duplican o límite marcado pola lexislación da UE.

Bruxelas ten que decidir se prorroga a autorización para o uso de glifosato, que remata o 15 de decembro. En 2015, a Organización Mundial da Saúde definiuno como “probabelmente canceríxeno para os humanos”.

Comentarios