O Partido Comunista Português non asistirá á intervención de Zelenski na Asemblea de Portugal

Ao igual que os seus camaradas do KKE grego, os comunistas portugueses non estarán presentes durante o discurso do presidente de Ucraína no Parlamento, ao que afean os seus vínculos co nazismo de grupos como Pravi Sektor ou o Batallón Azov.
Intervención de Volodimir Zelenski ante o Congreso español. (Foto: Europa Press)
photo_camera Intervención de Volodimir Zelenski ante o Congreso español. (Foto: Europa Press)

Partido Comunista Português (PCP) anunciou na noite da cuarta feira a súa decisión de non asistir á intervención do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, esta quinta no Asemblea da República de Portugal.

Para o PCP, o convite a Zelenski "constitúe un acto de instrumentalización dun órgano soberano". Lamentan que a intervención ten por obxectivo alentar a escalada da guerra en Ucraína no canto de apostar por unha "solución negociada do conflito" e pola paz.

Sobre Zelenski, os comunistas portugueses cualifícano como a personificación dun "poder xenófobo e belicista, rodeado e sustentado por forzas de cariz fascista e neonazi".

En concreto, fan referencia a un episodio recente que ocorreu no Parlamento grego. Durante a súa intervención, o dirixente ucraíno deu voz a dous integrantes do grupo neonazi do Batallón Azov, decisión que espertou o malestar de toda a Cámara helena. Naquela sesión, o Partido Comunista grego (KKE) tampouco asistiu á intervención de Zelenski.

Esforzos para a paz

"Ante a grave situación en Ucraína e Europa do Este, o PCP reafirma a necesidade de facer todo o posíbel pola paz e contra a escalada da guerra", asegura na súa conta de Twitter a formación política, que defende que ese ten que ser o obxectivo que "debe guiar o papel de Portugal e as súas institucións".

Os comunistas portugueses "reafirman" a necesidade de iniciativas urxentes e medidas que abran camiño á negociación e á paz", no canto de "dar forza á confrontación, incrementar a guerra e dificultar o cese das hostilidades".

A portavoz parlamentaria do PCP, Paula Santos, afirmou que a súa decisión non é unha mostra de apoio a Rusia, xa que a súa formación é "oposta ás forzas políticas que gobernan a Rusia capitalista e os seus grupos económicos".

Os dous eurodeputados dos comunistas portugueses xa votaran en contra da resolución do Parlamento Europeo que condenaba a guerra en Ucraína, xa que entendían que "daba forza á escalada da confrontación", ao "impor unha visión unilateral" do conflito.

Convite a Zelenski

O presidente de Ucraína foi convidado a intervir na Asemblea de Portugal co voto a favor de todas as formacións políticas que integran o Parlamento, a excepción do propio PCP.

Ademais de Zelenski, na sesión tamén falarán o xefe de Estado, Marcelo Rebelo de Sousa, e o presidente da Asemblea, Augusto Santos Silva.

Precisamente, foron os dous políticos os que propuxeron convidar o dirixente ucraíno para intervir na Cámara lusa, da mesma maneira que xa o fixo noutros países europeos e no Congreso dos Estados Unidos (EUA).

Comentarios