Zelenski anuncia a captura do opositor Medvedchuk e propón intercambialo por prisioneiros de guerra

Viktor Medvedchuk, un dos rostros visíbeis do principal partido opositor, a Plataforma de Oposición-Pola vida, levaba un ano en arresto domiciliario acusado de traizón ao Estado.
Á esquerda, Viktor Medvedchuk tras ser capturado; á dereita, Volodimir Zelenski. (Fotos: Goberno de Ucraína)
photo_camera Á esquerda, Viktor Medvedchuk tras ser capturado; á dereita, Volodimir Zelenski. (Fotos: Goberno de Ucraína)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, anunciou na tarde desta terza feira a captura do deputado Víktor Medvedchuk, un dos líderes do principal partido da oposición no país, Plataforma de Oposición-Pola Vida, o segundo máis votado após a formación de Zelenski, Servidor do Pobo.

A través da súa canle de Telegram, Zelenski compartiu unha imaxe do político arrestado coa seguinte mensaxe: "Realizouse unha operación especial grazas á SBU [servizo secreto ucraíno]. Ben feito! Daremos detalles máis tarde. Gloria a Ucraína".

Segundo expuxo horas antes o xefe do SBU, Ivan Bakanov, Medvedchuk vestía a indumentaria militar ucraína a fin de "ocultarse das forzas nacionais", algo que Zelenski cualificou de "cinismo", segundo recolle Europa Press.

Logo de se publicar esa fotografía, o portavoz da Presidencia ucraína, Mijailo Podoliak, apuntou nas súas redes sociais: "Hoxe Medvedchuk ten que agocharse nunha prisión ucraína para sobrevivir. A súa vida está garantida por unha longa condena en prisión".

O presidente ucraíno propuxo ao Kremlin "intercambiar" o líder opositor por "mozos e mozas en cativerio ruso", unha mensaxe que o portavoz do Goberno de Rusia, Dmitri Peskov, recibiu con cautela, xa que, dixo, precisa "comprobar a veracidade da fotografía" por mor do "inzamento de informacións falsas".

Medvedchuk, segundo informa Russia Today, foi acusado en 2021 pola Fiscalía Xeral de Ucraína dun delito de traizón ao Estado e violación das normas de guerra, polo que desde maio pasado ficaba en arresto domiciliario até que en febreiro, segundo o Ministerio do Interior, fuxiu.

Agora o líder político do principal partido da oposición enfróntase a unha posíbel condena de cadena perpetua.

Comentarios