O PSdeG admira a "coraxe" de Zelenski e instará o Parlamento a apoiar o envío de armas

"O exemplo do presidente ucraíno é un exemplo de dignidade e tamén de resistencia fronte á brutal agresión do Goberno de Putin", sinalan os socialistas nunha proposición non de lei que se debaterá na Cámara nas vindeiras datas.
Sesión do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sesión do Parlamento galego decorrida a pasada semana. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG pedirá que o Parlamento da Galiza explicite o seu apoio ao Goberno estatal para que, no marco das medidas adoptadas pola OTAN, continúe co endurecemento das sancións ao Goberno de Vladimir Putin, a axuda humanitaria e asistencia financeira, así como co envío de equipamento militar para que Ucraína "poida exercer o seu dereito á lexítima defensa".

De forma paralela, reclamará facer un chamamento a Putin para que "sente con seriedade" na mesa de negociación con Ucraína e poña fin "de inmediato" á guerra.

A proposición non de lei dos socialistas, á que tivo acceso Europa Press, ten lugar nun contexto no que tanto o PSdeG como o PPdeG mostraron posicións críticas co BNG pola súa "postura ambigua" ante a guerra de Ucraína, unha formación que rexeita o envío de armamento e que se situou en contra da "escalada belicista" da OTAN. Deste modo, os tres grupos políticos volverán explicitar cadansúa posición na votación desta iniciativa.

Estas diferenzas ideolóxicas, de feito, impediron a aprobación dunha declaración institucional conxunta para a súa lectura no pleno da Cámara galega a principios de marzo, nunha sesión na que os nacionalistas rexeitaron apoiar un texto sobre o que si houbo consenso entre PSdeG e PPdeG.

A través dese documento, populares e socialistas explicitaban que existe unha agresión por parte de Rusia a Ucraína, que o Parlamento apoia as accións impulsadas polo Goberno español e as Forzas Armadas, así como o compromiso cos dereitos fundamentais recollidos na Alianza Atlántica e na Constitución da Unión Europea, entre outras cuestións.

Logo diso, o BNG trasladou ao resto dos grupos un texto alternativo e acusou PP e PSOE de "utilizar a dor dun pobo, os mortos e os refuxiados desta guerra para atacar o Bloque", ao tempo que condenou sen ambaxes a invasión rusa de Ucraína.

Aliás, a pasada semana, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, pediu á líder do Bloque, Ana Pontón, que desautorizase o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, que non aplaudiu o discurso do presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, na Cámara baixa. Laxe afeoulle ao parlamentario do Bloque que chegase a "pór en dúbida a veracidade do masacre de Bucha".

"Admiración" por Zelenski

Precisamente, na exposición de motivos da iniciativa os socialistas censuran a "violación sistemática" dos principios máis básicos da humanidade recollidos na orde internacional e sinalan que "atrocidades como as de Mariupol ou Bucha" producen "o maior sentimento de indignación e repulsa". "Son crimes de guerra que non poden nin deben quedar impunes", apunta.

Ademais, considera que a intervención de Zelenski ante o Congreso o pasado 5 de abril reafirma aínda máis a "admiración" pola "coraxe" coa que o presidente, o seu goberno e o pobo ucraíno "defenden a liberdade e a democracia". "O exemplo do presidente ucraíno é un exemplo de dignidade e tamén de resistencia fronte á brutal agresión do Goberno de Putin", sinala o PSdeG, que traslada a súa condena "coa maior das determinacións" á "guerra desapiadada de Putin contra Ucraína".

Comentarios