Zelenski desliza Ucraína cara un réxime sen oposición parlamentaria

O presidente de Ucraína, Volodomir Zelenski, comunicou a decisión de ilegalizar a actividade de 10 partidos políticos mentres dure a lei marcial, entre elas, a do principal partido da oposición. En 2015 xa foran ilegalizados os partidos comunistas neste país.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, anunciou na fin de semana a suspensión da actividade de dez partidos da oposición mentres dure a lei marcial, aducindo a escalada da guerra e supostos vencellos dalgúns deles con Rusia. 

O principal partido da oposición, a Plataforma de Oposición-Pola Vida, que se sitúa no centro-esquerda e conta con 43 escanos na Rada ucraína, ten suspendida a súa actividade. Xunto a ela tamén fican coa súa actividade ilegalizada as formacións sen representación na Rada: Partido Sharia, Noso, Oposición de Esquerda, Unión de Forzas de Esquerda, Estado, Partido Socialista Progresista de Ucraína, Partido Socialista de Ucraína, Socialistas e Bloque de Vladimir Saldo. 

Os partidos con representación na Rada que continúan con actividade son o democristián Patria (26 escanos), o conservador Solidariedade Europea (25 escanos) e o liberal Voz (20 escanos), ademais do partido de Zelenski, Servidor do Pobo (254 escanos), que ten maioría absoluta na Rada.

O presidente ucraíno sinalou que o Ministerio de Xustiza xa recibiu instrucións de tomar de inmediato medidas integrais para prohibir as actividades destes 10 partidos políticos.

"O Consello Nacional de Seguridade e Defensa decidiu, dada a guerra a grande escala e os vencellos dalgunhas estruturas políticas con este Estado [por Rusia], suspender calquera actividade dunha serie de partidos políticos durante o período da lei marcial", explicou Zelenski nun vídeo difundido por canles do Goberno. 

O líder ucraíno advertiu aos partidos opositores, a maioría ao lado esquerdo do espectro político, de que "calquera actividade encamiñada a escindirse ou colaborar non terá éxito" e recibirá "unha resposta difícil". Seguindo coa xustificación da súa decisión, acusou de "pór as súas propias ambicións, o seu propio partido ou carreira por enriba dos intereses do Estado, os intereses do pobo" aos líderes dos partidos ilegalizados. 

A decisión de paralizar a actividade de partidos opositores contrasta coa permisividade con organizacións como o batallón Azov, dependente da Garda Nacional e do Ministerio do Interior de Ucraína e que está acusado de ter unha ideoloxía de ultradereita e xenófoba.

En 2015 ilegalizáronse os partidos comunistas

A decisión de Zelenski non supón a primeira ilegalización de partidos en Ucraína. No ano 2015, o Goberno ucraíno prohibiu aos partidos comunistas presentarse ás eleccións nunha decisión que xustificou alegando que teñen unha ideoloxía que defende "a tortura da poboación ucraína e os asasinatos masivos".

Aquela ilegalización afectou a tres partidos: o Partido Comunista de Ucraína, o Partido Comunista de Ucraína Renovado e ao Partido Comunista dos Traballadores e Campesiños de Ucraína.

Comentarios