Noruega, primeiro país do mundo en aprobar a minaría en fondos mariños

As empresas mineiras poden explorar 281.000 km2 das augas norueguesas, unha superficie case igual á de Italia. Científicos e ambientalistas mostran a súa preocupación.

noruega-halla-sustanciales-recursos-minerales-sus-fondos-marinos-17720 (1)
photo_camera (Foto: Europa Press)

A Unión Europea teme que a explotación mineira de augas profundas con fins comerciais anunciada por Noruega teña efectos negativos sobre as poboacións de peixes e, en consecuencia, sobre o sector pesqueiro, así como sobre os ecosistemas mariños, segundo sinalou este domingo un portavoz da Comisión a Europa Press.

Noruega converteuse en xaneiro no primeiro país do mundo en aprobar a minería submarina. O país escandinavo. desatendendo as advertencias dos cientificos, aproba a primeira lei que permitirá extraer de augas profundas metais imprescindíbeis para a fabricación de baterías e outros compoñentes electrónicos.

O Parlamento votou en xaneiro a favor de permitir ás empresas mineiras explorar 281.000 km2 das súas augas, unha superficie case igual á de Italia.

Noruega, con importantes reservas de petróleo e gas en alta mar, comprometeuse en 2021 a xestionar de forma sostíbel o 100% das súas augas costeiras para 2025. Alentou a outras nacións para facer o mesmo, a través dunha iniciativa global denominada Panel de Alto Nivel para unha Economía Oceánica Sostíbel.

En 2022, 17 países que cubrían 46% das augas costeiras do mundo asinaran o pacto e aceptaban que a explotación de petróleo ou gas e a minería en augas profundas son “difíciles de aliñar coa definición de economía oceánica sostíbel”.

Agora, con todo, Noruega vira en redondo e está a intensificar a extracción do fondo mariño de reservas de minerais, petróleo e gas. En xuño, Oslo aprobou novos permisos, por un valor de 18.500 millóns de dólares, para ampliar a extracción de petróleo e gas en alta mar.

Por contra, a UE avoga por prohibir a explotación mineira dos fondos mariños até que se desboten os seus efectos nocivos, “preocupada pola protección e restauración do medio ambiente, a biodiversidade dos fondos mariños e a mitigación do cambio climático”.

"Mantemos a nosa colaboración con Noruega para garantir a protección do ecosistema fronte a actividades prexudiciais", explicou un portavoz do Executivo comunitario que confirmou a inquietude da UE ante esta decisión.

Comentarios