Mar

A UE acorda cotas pesqueiras co Reino Unido e Noruega

O bloque comunitario segue sen fechar un pacto.
Embarcación pesqueira no porto do Grove (Foto: Luna Marina).
photo_camera Embarcación pesqueira no porto do Grove. (Foto: Luna Marina).

A Unión Europea (UE) fechou acordos co Reino Unido e con Noruega para as posibilidades de pesca de 2024 mentres os Ministerios de Pesca da UE continuaban non momento de escribir esta liñas as negociacións do reparto de capturas entre os Estados do bloque comunitario. O acordo co Reino Unido integra 85 totais admisíbeis de capturas no Atlántico e garante unhas posibilidades de pesca de case 388.000 toneladas para a frota da UE, cuxo valor se estima nuns 1.000 millóns de euros sobre a base dos prezos históricos no mercado almacenista axustados á inflación.

O acordo alcanzouse no marco do Acordo de Comercio e Cooperación (ACC) entre a UE e o Reino Unido tras a cuarta consulta anual. A UE baseou as súas posicións no seu marco xurídico, así como nos plans plurianuais e os ditames científicos dispoñíbeis sobre a situación das poboacións de peixe.

Tamén se tiveron en conta as consideracións socioeconómicas para evitar situacións de estrangulamento que conducisen a un fechamento prematuro de determinadas zonas de pesca.

Ademais, un acordo trilateral entre a UE, Noruega e o Reino Unido sobre as poboacións de peixes xestionadas conxuntamente no Mar do Norte para 2024 estabeleceu un total admisíbel de capturas de máis de 915.000 toneladas, que cobre unha cota da UE de case 415.000 toneladas de bacallau, arenque e outras especies.

A UE e Noruega mantiveron consultas bilaterais para as poboacións compartidas, chegando a tres acordos bilaterais que se refiren ao troco de cotas, o acceso mutuo á pesca nas augas da outra parte e a fixación de cotas. As partes buscaron obter un equilibrio nos intercambios de posibilidades de pesca de grande interese económico e, entre outras poboacións, a UE recibirá 9.983 toneladas de bacallau ártico para o ano 2024, mentres que transferirá 48.000 toneladas de lirio a Noruega.

Intensas negociacións entre os Estados da UE

Os límites de capturas acordados presentaranse para a incorporación ao Regulamento sobre posibilidades de pesca de 2024 para o reparto das capturas negociado en Bruxelas entre os Estados da UE durante unha intensa reunión de Ministerios de Pesca da UE que comezou o domingo e que continuou durante toda a segunda feira.

Comentarios