Panamá veta a minaría metálica logo de manifestacións masivas

O Goberno cede tras dúas semanas de protestas.
Manifestación contra unha mina de cobre a ceo aberto en Panamá. (Foto: Terri Thrush)
photo_camera Manifestación contra unha mina de cobre a ceo aberto en Panamá. (Foto: Terri Thrush)

Despois de dúas semanas de protestas ao longo de todo o país a raíz da extensión da concesión a unha empresa canadense para continuar operando a mina de cobre a ceo aberto máis grande de Centroamérica, localizada no Corredor Biolóxico Mesoamericano, a Asemblea Nacional de Panamá ten previsto aprobar na próxima madrugada unha norma que revoga a concesión e estabelece unha moratoria á minaría metálica.

O lexislativo, controlado polo gobernante Partido Revolucionario Democrático e os seus aliados, xa aprobou o Proxecto de lei en dous debates, como exixe a lexislación antes da votación final, logo de que nin as promesas do presidente Laurentino Cortizo de convocar un referendo -rexeitado polo Tribunal Electoral- nin o veto á minaría conseguiran frear as mobilizacións.

Tamén están pendentes de resolución oito demandas de inconstitucionalidade contra a concesión na Corte Suprema. En paralelo, a empresa canadense, First Quantum, perdeu na Bolsa de Toronto case a metade do seu valor a medida que as manifestacións lograban os seus obxectivos.

Comentarios