Noboa pide axuda estranxeira ante a violencia que azouta o Ecuador

Cando menos 16 persoas faleceron durante a actual crise no Ecuador.
O novo presidente do Ecuador, Daniel Noboa (Foto: Europa Press / Contacto / Alejandro Baque).
photo_camera O presidente do Ecuador, Daniel Noboa (Foto: Europa Press / Contacto / Alejandro Baque).

O presidente do Ecuador, o neoliberal Daniel Noboa, recoñeceu que é preciso persoal e asistencia militar estranxeira para combater a violencia e a inseguridade derivada do conflito armado interno que ten lugar neste Estado nos últimos días.

"Aceptamos o apoio da Arxentina e dos Estados Unidos. Non é o momento do ego ou da vaidade. Necesitamos apoio militar en forza de persoas, soldados, asistencia en intelixencia, artillaría e equipamento", admitiu o mandatario ecuatoriano durante unha entrevista.

En paralelo a estas declaracións do presidente do Ecuador, confirmouse que unha delegación estadounidense acudirá nas próximas semanas ao Ecuador para colaborar coas autoridades locais na presente loita contra os grupos armados.

Cando menos 16 persoas morreron desde o estalido da onda de violencia e perto de medio centenar foron secuestradas. Ademais, máis de 300 persoas foron arrestadas. Por outra parte, o servizo estatal de prisións confirmou que un mínimo de 178 funcionarios dos cárceres seguen retidos nun total de sete centros penitenciarios estatais.

Comentarios