O mundo fronte á "pandemia na sombra"

Antes da pandemia da Covid-19, xa outra pandemia golpeaba a sociedade mundial: a violencia contra as mulleres. Esa pandemia continuou neste ano de crise sanitaria, mais os confinamentos tornárona máis silenciosa, menos visíbel. É o que a ONU Mulleres deu en chamar "pandemia na sombra", tema que centrou onte o 25-N.
25N_illas-salomon_ONU
photo_camera O escenario dun festival de música organizado nas Illas Salomón, coa mensaxe en inglés "Non máis violencia contra as mulleres". (Foto: Nacións Unidas)

Cada día 137 mulleres son asasinadas por algún familiar; 243 millóns de mulleres e adolescentes sufriron maltrato polas súas parellas no último ano; menos de 40% das mulleres vítimas de violencia busca axuda. Son algúns dos datos alarmantes que ofreceu Nacións Unidas con motivo do Día Internacional da Violencia contra as Mulleres, que hoxe, 25 de novembro, se conmemorou a nivel mundial.

Dentro da campaña Únete para 2030 da Secretaría Xeral da ONU e con motivo deste día, esta cuarta feira desenvolveuse un evento virtual con altos representantes dos Estados membros, das axencias da ONU, dos embaixadores de boa vontade e de organizacións da sociedade civil. O acto permitiu destacar algúns dos logros para acabar coa violencia contra as mulleres; tamén para solicitar aos Estados membros maiores compromisos.

No evento, que estivo presidido polo secretario xeral, António Guterres; a directora executiva de ONU Mulleres, Phumzile Mlambo-Ngcuka; e a directora executiva do Fondo de Poboación da ONU, Natalia Kanem, tamén se puxo en valor o papel das organizacións de mulleres como vangarda na resposta contra as agresións e polo seu liderado para acabar coa violencia. 

Ademais, activouse oficialmente a campaña de mobilización mundial 16 Días de Activismo contra a Violencia Machista que ten por obxectivo promover a "tolerancia cero" en todos os ámbitos da vida, en todo o mundo. Así, desde hoxe até o vindeiro 10 de decembro, e baixo o lema "Pinta o mundo de laranxa: financiar, responder, previr, recoller!", nestas dúas semanas preténdese amplificar o chamamento a unha acción global que permita lograr fondos alí onde faltan, especialmente co fin de asegurar servizos esenciais para as mulleres superviventes da violencia durante a pandemia da Covid-19. 

Foro Xeración Igualdade

Unha campaña que fai parte dos traballos de ONU Mulleres no marco de Beijing+25 (a renovación do programa para o empoderamento das mulleres e das nenas en todo o mundo, aprobado na Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, que se desenvolveu en 1995 na capital da China); e encamiñados a novas accións e compromisos coa vista posta no Foro Xeración Igualdade, que terá lugar en México e Francia en 2021. 

Porque este ano é como ningún outro. Se antes da Covid, a violencia contra as mulleres xa alcanzara a categoría de pandemia, cos confinamentos domiciliarios estabelecidos polos Gobernos do mundo para frear a expansión do novo coronavirus, as agresións intensificáronse, especialmente no ámbito doméstico. As chamadas de auxilio multiplicáronse en varios países, mais noutros, debido ás dificultades para solicitar axuda polas canles habituais, descenderon. Ademais, a clausura de escolas e a perda de empregos deixou as mulleres e nenas máis pobres nunha situación de maior vulnerabilidade, expostas a explotación, abusos sexuais, matrimonios forzados e acoso.

Desde que en abril de 2020 a Secretaría Xeral fixo un chamamento á "paz na casa", 135 dos 193 Estados membros aprobaron medidas para fortalecer os mecanismos que eviten esta violencia durante a crise sanitaria. "Porén, cómpre moito máis" contra a "pandemia na sombra", sinalan desde ONU Mulleres.

Escocia, primeiro país do mundo en ofrecer tampóns e compresas gratis

En 2018, Escocia converteuse no primeiro país en facilitar produtos sanitarios gratuítos en universidades, institutos e colexios, logo de se constatar que polo menos 10% das alumnas ficaban na casa cando tiñan a regra pola imposibilidade de facer fronte a ese importante gasto.

Agora, Escocia tamén será o primeiro país do mundo en ofrecer de forma gratuíta produtos para a menstruación de forma xeneralizada. Con esta medida, tampóns e compresas estarán dispoñíbeis en lugares públicos como centros comunitarios, clubs xuvenís e farmacias. O custo anual para o Estado ascende a 24 millóns de libras (arredor de 27 millóns de euros).

O proxecto de lei sobre a gratuidade dos produtos de hixiene feminina foi presentado polo Partido Laborista escocés e recibiu o apoio unánime de todos os membros do Parlamento.

Comentarios