mércores 27.05.2020

Entre a cruz e o caldeiro: o coronavirus fecha as mulleres na casa cos agresores

O confinamento para frear a expansión da pandemia agocha outros dramas. A corentena non só incrementa o risco das agresións contra as mulleres dentro dos fogares, senón que tamén dificulta o seu acceso aos servizos de protección. Ademais, son un dos grupos máis afectados economicamente pola actual crise.
A Axencia dos Dereitos Fundamentais da UE recomendou aos Estados membros varias medidas (un.org)
A Axencia dos Dereitos Fundamentais da UE recomendou aos Estados membros varias medidas (un.org)

Durante estes últimos meses de corentena pola pandemia da COVID-19, rexistrouse un aumento da violencia ás mulleres no fogar na UE, segundo acaba de informar o Instituto Europeo para a Igualdade entre Sexos (EIGE, nas siglas en inglés). 

O EIGE fai parte da Axencia dos Dereitos Fundamentais da UE (FRA). Creada en 2007 para substituír o Observatorio Europeo do Racismo e a Xenofobia, encárgase de recoller información sobre os dereitos fundamentais nos Estados membros e de asesoralos. 

"Desde o comezo dos confinamentos por causa do coronavirus, a Policía, as casas de acollida para as mulleres e as ONG informaron dun incremento da violencia doméstica, especialmente da violencia contra as mulleres", di o EIGE, que considera que a actual crise "sacou á luz como de común é este serio abuso dos dereitos humanos e como de insuficientes son aínda as medidas para enfrontalo". 

O confinamento eleva o risco de que as mulleres sexan vítimas da violencia. A nivel global, segundo un estudo da ONU, 64 % das mulleres asasinadas sono a mans da persoa coa que conviven ou dun membro da súa familia.

Convención de Istambul

O EIGE valora positivamente as medidas tomadas por algúns países da UE, como a acollida das vítimas en hoteis, mais asemade cre que manifestan as carencias que xa existe en tempos de normalidade. Por exemplo, o número de camas en casas de acollida só alcanza a metade da cifra requirida baixo a Convención de Istambul, ratificada por 21 Estados membros

Bulgaria, Eslovaquia, Hungría, Letonia, Lituania e República Checa aínda non o fixeron. Isto impide, por exemplo, que se emitan ordes para desaloxar de emerxencia o agresor da casa da vítima. O EIGE pide a estes países que axusten a súa lexislación, e naqueles en que xa existe que se emitan máis ordes deste tipo.  

Tamén solicita aos Estados da UE que a policía, a xustiza e os servizos de saúde traballen máis estreitamente; que se harmonice a forma de rexistrar os datos en toda a UE, e que se intercambie entre membros medidas que probaron a súa efectividade. Ademais reclama que, ao igual que os códigos penais contemplan os delitos de odio contra minorías étnicas ou pola orientación sexual, tamén se debería de considerar unha figura legal para os feminicidios que se dan polo feito de ser mulleres.

Neste sentido, apoia a proposta da Comisión Europea de incluír este crime na lista dos recollidos no Tratado da UE. "Isto recoñecería a natureza estrutural da violencia contra as mulleres e impulsaría os esforzos conxuntos para eliminala", pensa o EIGE.  

"O actual incremento nos abusos domésticos subliña a necesidade de que a UE e os seus Estados membros actúen para protexer as mulleres durante esta crise", afirmou o director da FRA, Michael O’Flaherty, que salientou que "xa antes da pandemia de coronavirus, unha de cada cinco mulleres da UE foron vítimas da violencia doméstica".

Para Carlien Scheele, directora do EIGE, "ningún país en Europa conseguiu aínda a igualdade entre sexos; a prevalencia da violencia doméstica é un triste recordatorio diso". "Mentres as mulleres afronten a violencia, a igualdade entre sexos será imposíbel. E mentres non teñamos igualdade entre sexos, a violencia contra as mulleres continuará", recalcan desde o Instituto.

Dependencia económica

Ademais, as mulleres afrontan a ameaza da crise económica. A inseguridade laboral e de ingresos que trae consigo a pandemia pode ser outro detonante para a violencia contra as mulleres, segundo a FRA. Tamén, fai que sexa máis difícil para as vítimas abandonar unha relación de abuso. Segundo datos desta axencia, 30% das mulleres que teñen problemas para chegar a fin de mes foron vítimas de violencia dentro do fogar, por 18% das que teñen maiores recursos económicos.

Datos que van en consonancia cos informes publicados pola ONU nas últimas semanas, afirmando que o impacto económico será maior nas mulleres. Elas ocupan maioritariamente postos de traballo nas industrias máis golpeadas pola crise, e elas maioritariamente levan o peso dos labores e da atención no fogar, unha actividade que se volve fisicamente máis extenuante aínda nesta época de confinamento.

comentarios