Monedero, sobre se pensa demitir: "son un cidadán normal" que non se "postulou a nada"

Rachou o seu silencio o dirixente de Podemos. O seu discurso continúa a ser o de atacar a Montoro. Nega que facer unha declaración complementaria a Facenda -abonar 200.000 euros- envolva o recoñecimento dun erro.

monedero
photo_camera Foto: Burjos digital

Os feitos comprobados son os seguintes: a finais de 2013, unha empresa de Monedero facturou 425.000 euros a diversos gobernos latinoamericanos de esquerda, encabezados por Venezuela. Por esa cantidade tributou a Facenda a efeitos do Imposto de Sociedades, mais non declarou nada polo IRPF. Destarte, tivo un aforro fiscal considerábel: o tipo de sociedades é, para pemes, o 20%, con moitas opcións para a desgravación, en tanto que por IRPF a tributación estaría nun abano entre o 24,75% e o 52%, segundo o tramo de renda, e con moi pouca marxe para desgravar.

Ao trascender esta operación de enxeñaría fiscal, e presionado pola opinión pública, Monedero resolveu o 29 de xaneiro ingresar 200.000 euros en conceito de IRPF por ese ingreso de 425.000, isto é, fixo unha declaración complementaria [ao tempo pediu a devolución dos 70.000 euros ingresados ao fisco por sociedades].

Logo Monedero fixo mutis e desapareceu durante días da vida partidaria pública de Podemos.

Monedero carga contra Montero co argumento de que o ministro non defende os seus dereitos e utiliza institucións do Estado para cargar politicamente contra el

Esta segunda feira, retornou ao escenario cunhas declaracións a Antena 3 TV. Nelas basicamente transmite dúas mensaxes: primeiro, Montoro é o mao da película porque utiliza as institucións do Estado [dados da Axencia Tributaria que teñen carácter confidencial] para cargar contra el; e segundo, el non cometeu ningunha irregularidade. Nisto último coinciden expertos fiscais [a declaración complementaria é voluntaria]. O que fixo non sería ilegal. Cuestión distinta é se focamos o asunto do ponto de vista da ética política.

Perguntado sobre se pensa demitir, Monedero esforzouse por se presentar a si propio como un individuo practicamente anónimo. "Son un cidadán máis" que non "se postula a nada". Mais en realidade, Monedero é o número 3 da forza política que neste momento encabeza as enquisas no Estado e ocupa un posto na súa dirección, como secretario de Proceso Constituínte e Programa. De feito, esta mesma segunda feira o secretario de Organización de Podemos xustificou a súa ausencia do primeiro plano nas últimas semanas co argumento de que se achaba preparando a campaña de Andalucía.

Comentarios