PODEMOS RESPALDA O SEU NúMERO 3

Monedero nega que teña 700.000 euros en contas bancarias e rebaixa a cifra até os 200 mil

Continúa a treboada sobre o número 3 de Podemos. Esta segunda feira, El Mundo afirmaba na súa capa que o dirixente posúe 700 mil euros en 3 contas correntes [seus ingresos brutos como docente non superan os 50 mil/ano]. Monedero desménteo e anuncia accións legais.

205.769,3 euros. Iso é o que, de acordo con el propio, tería Juan Carlos Monedero nas súas contas correntes, e non os 700 mil aos que aludía na súa información o diario El Mundo.

A información de El Mundo aparece despois de o dirixente se ter visto obrigado, pola presión da opinión pública, a realizar unha declaración complementaria perante o Ministerio de Facenda para tributar a efeitos do IRPF os 425.000 euros que facturou a gobernos latinaomericanos. Nunha primeira instancia, Monedero declarou estes ingresos a efeitos do Imposto de Sociedade, mais non os imputou na súa declaración ao IRPF.

El Mundo afirma que dos 700.000 euros dos que sería titular Monedero arredor de medio millón "se encontra producindo intereses en diferentes fondos de investimento".

Monedero viuse obrigado a presentar unha declaración complementaria ao IRPF por valor de 200.000 euros

Monedero -secretario de Proceso Constituínte e Programa de Podemos- negou "taxativamente" a información de El Mundo e enviou á imprensa copia dos seus extractos bancarios. Segundo os dados fornecidos polo número 3 de Podemos, dispón de 2 contas en Triodos Bank, unha cun saldo de 33.120 euros e outra cun depósito de 34.123,07. Aliás, Monedero ten 138.448,48 euros na conta de Caixa de Resistencia Motiva2, empresa que criou para facturar os seus traballos a gobernos latinoamericanos, encabezados pola Venezuela de Chávez, de quen foi asesor directo [tamén fixo investigacións como politólogo para Bolivia, Nicaragua e Equador]. Esta última conta tena en Banesto.

Caixa de Resistencia Motiva2 -fundada por Monedero o 23 de outubro de 2013- facturou 425.150 euros e comunicou á facenda española un beneficio de 295.025, o que resultou no pagamento de 70.417 euros en conceito de impostos de sociedade [ao criar unha empresa, os ingresos eran formalmente para esta e non para o seu titular, que así podía eludir o pagamento do IRPF].

Agora Monedero rectifica e fai unha declaración complementaria para tributar estes ingresos ao imposto da renda.

Apoio da cúpula

Monedero ten polo momento o respaldo da cúpula da súa formación política. Luis Alegre, secretario de Organización, afirmou esta segunda feira que "as cuestións estéticas as terán de valorar o conxunto dos cidadáns", mas resaltou que, ao seu xuízo, o seu compañeiro de direccion non cometeu ningunha caste de irregularidade.

Comentarios