Sete millóns de crianzas ucraínas carecen de electricidade, advirte Unicef

Os Estados Unidos enviarán o sistema de defensa Patriot a Kíiv.
Bombeiros apartan os cascallos dun edificio derruído tras o impacto dun mísil na cidade ucraína de Lviv, esta segunda feira. (Foto Valeria Ferraro / ZUMA Press Wire / DPA)
photo_camera Bombeiros apartan os cascallos dun edificio derruído tras o impacto dun mísil na cidade ucraína de Lviv. (Foto Valeria Ferraro / ZUMA Press Wire / DPA)

O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) alertou onte de que a situación actual das instalacións enerxéticas en Ucraína, co 50% destruídas polos ataques rusos segundo as estimacións de Kíiv, provocou que case sete millóns de crianzas non teñan acceso estábel 
á electricidade.

“Máis aló das ameazas inmediatas que implica o frío, os nenos e nenas tamén se ven privados da capacidade de aprender ou manterse en contacto con amigos e familiares, o que pon en grave risco tanto a súa saúde física como mental”, incidiu Catherine Russell, directora executiva de Unicef.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, solicitou “unha nova arquitectura de seguridade para garantir a paz internacional e o Estado de Dereito” durante a entrega do premio Sajarov para a Liberdade de Conciencia, que o Parlamento da Unión Europea concedeu á poboación ucraína.

Con respecto aos envíos de armas a Kíiv, funcionarios estadounidenses adiantaron a AP que esta semana aprobarán a entrega de Patriot, un dos sistemas de defensa máis avanzados cos que contan, e que inclúe avións e distintos tipos de mísiles.

A resposta de Moscova chegou por parte do voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, que sinalou que no caso de que esta entrega se produza serán un obxectivo lexítimo para as tropas rusas.

Asemade, confirmouse un novo intercambio de prisioneiros de guerra entre Ucraína e Rusia, que inclúe un cidadán estadounidense. A xefa do Comité Internacional da Cruz Vermella, Mirjana Spoljaric, afirmou que é moi posíbel que se produza un intercambio masivo de prisioneiros, negándose a dar 
máis detalles.

Comentarios