Rusia sostén que xa controla máis da metade da rexión de Donetsk

Zelenski agradece á UE o paquete de axuda de 18.000 millóns de euros.
A cidade de Mariupol, no óblast de Donetsk, é un dos lugares máis afectados pola guerra. (Foto: Victor / Xinhua News)
photo_camera A cidade de Mariupol, no óblast de Donetsk, é un dos lugares máis afectados pola guerra. (Foto: Victor / Xinhua News)

"Algo máis de 50% do territorio da República Popular de Donetsk [incorporada a Rusia a finais de setembro] foi liberado", comunicou esta terza feira Denis Pushilin, líder en funcións do territorio, a RIA, destacando a dureza dos combates e a presión militar na zona. "Nunca fora atacada desta forma, nin en 2014 nin en 2015", afirmou.

Ademais, adiantou que o Exército ruso capturará Marinka "pronto", após anunciar que arredor de 70% da localidade xa está controlada por Moscova. O groso dos combates na área prosegue na contorna de Bakhmut.

Aínda na rexión de Donetsk, o Centro de Control e coordinación Conxunto citado por Tass apuntou que cinco civís morreron polos bombardeos ucraínos contra infraestruturas e vivendas particulares.

Por parte de Ucraína, o presidente Volodimir Zelenski agradeceu á Unión Europea o "desbloqueo" de 18.000 millóns de euros en axuda macrofinanceira para 2023, e reclamou un investimento de 800 millóns de euros para que o bloque comunitario exporte electricidade ao país eslavo.

Arredor das condicións para as negociacións de paz que enunciou Zelenski, que inclúen a retirada rusa dos territorios que Ucraína considera propios, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, defendeu que é unha receita para "a continuación das hostilidades".

Peskov instou Kíiv a "aceptar as realidades xurdidas neste tempo" por medio dos referendos na rexión -non recoñecidos pola Organización das Nacións Unidas, e que explicou pola "política perseguida durante os últimos 15 ou 20 anos pola cúpula de Ucraína e o actual réxime ucraíno".

Comentarios