Un menor falecido e máis de 150 feridos palestinos após varios ataques do exército israelí

As imaxes do xornal The Times of Israel desmontan a versión do Goberno israelí, que nun primeiro momento afirmou que a Policía non accedera á mesquita de Al Aqsa, onde se atopban moitos dos palestinos que resultaron feridos.
Manifestación da OLP e de Hamás na explanada das Mesquitas, en Xerusalén. (Foto: Mohammed Talatene / dpa)
photo_camera Manifestación da OLP e de Hamás na explanada das Mesquitas, en Xerusalén. (Foto: Mohammed Talatene / dpa)

O exército de Israel desenvolveu na xornada desta sexta feira varios ataques contra a poboación palestina, que se saldaron co asasinato dun menor de dezasete anos e con máis de 150 persoas feridas, aínda que esta cifra podería ir en aumento nas vindeiras horas.

O menor resultou morto na localidade de Kafr Dan, en Yenín, ao norte de Cisxordania, e súmase as outras tres persoas asasinadas polos soldades israelís no transcurso do mes de Ramadán.

En canto aos palestinos feridos, foron atacados por Israel na explanada das Mesquitas, en Xerusalén, arredor das 6.30 horal local, despois dunha concentración da Organización de Liberación de Palestina (OLP) e do Movemento de Resistencia Islámica (Hamás).

Os corpos e forzas de seguridade israelís rodearon os manifestantes e procederon a dispersalos, pero algúns fixéronse fortes na mesquita de Al Aqsa, o terceiro lugar de culto máis importante para o islam.

As imaxes desminten a versión de Israel

O Ministerio de Exteriores de Israel afirmou nun comunicado que os axentes non chegaron a entrar en ningún momento en Al Aqsa, senón que foron os palestinos os que "profanaron" a mesquita, chegando a asegurar que, "ao contrario do que as informacións falsas din, a Policía non entrou na mesquita".

Porén, o diario The Times of Israel fixo públicas unhas imaxes que desminten esa versión, xa que nelas pode verse como as forzas israelís acceden no interior da mesquita empregando granadas de aturdimento, gases lacrimóxenos e balas de goma.

Segundo explicou a Media Lúa Vermella Palestina, nun primeiro momento foron 90 as persoas que resultaron feridas, das que dúas se atopaban en estado grave, mais nas seguintes horas esa cifra aumentou até os 150.

Pola súa parte, Hamás afirmou que o Goberno israelí pagará polos seus "brutais asaltos". O portavoz da organización, Fauzi Barhum, asegurou que "a nosa xente en Xerusalén non está sola na batalla por Al Aqsa. Todos os palestinos, a súa nobre resistencia e o seu poder vital están con eles".

Comentarios