Folga de protesta en Cisxordania pola "execución" de tres palestinos

Operación "antiterrorista" israelí nun barrio de Nablus.
EuropaPress_4243101_09_february_2022_palestinian_territories_hebron_palestinians_clash_with
photo_camera Choques esta cuarta feira en Nablus (Foto: Mamoun Wazwaz / APA Images)

Tendas e outros negocios da cidade de Nablus, no norte do territorio ocupado de Cisxordania, fecharon nesta cuarta feira as súas portas nunha xornada de folga xeral en protesta pola morte de tres palestinos na terza feira a disparos de militares de Israel, informou a axencia palestina Wafa.

De acordo cos datos achegados polo Ministerio de Saúde palestino, as vítimas mortais eran membros das Brigadas dos Mártires de Al-Aqsa, a facción militar de Fatah. Os seus nomes eran Adham Mabrouk, Muhammad Al-Dakhil e Ashraf Mabslat.

Testemuñas da acción das forzas especiais israelís citadas pola axencia de noticias turca Anadolu relataron que os militares accederon nun vehículo civil ao barrio de Al Makhfieh, en Nablus, e abriron fogo contra outro coche conducido por un palestino. 

As autoridades israelís afirmaron que os mortos eran parte dunha "célula terrorista" responsábel de ataques armados contra militares e civís durante as últimas semanas. A Policía israelí indicou que os sospeitosos "tentaran abrir fogo" contra os axentes dunha unidade antiterrorista que os ía arrestar, e que no operativo foron incautados dous fusís de asalto M16.

"Asasinatos premeditados"

Porén, o Ministerio de Exteriores palestino exixiu unha investigación internacional sobre as mortes, en tanto que o Gabinete da Autoridade Palestina no seu conxunto cualificou o suceso de "crime atroz". Para a Organización de Cooperación Islámica (OIC), "as mortes prodúcense no marco da política de execucións premeditadas contra o pobo palestino, nunha flagrante violación do dereito internacional e das Cuarta Convención de Xenebra".

A OIC instou a comunidade internacional, nomeadamente ao Consello de Seguridade da ONU, a asumir as súas responsabilidades legais e políticas. "As potencias internacionais deberían exercer presión sobre as forzas de ocupación israelís para frear estes actos criminais, facer Israel responsábel de todas as súas violacións e políticas racistas e proporcionar protección internacional para o pobo palestino".

A folga desta cuarta feira, que foi convocada polo gobernador de Nablús, Ibrahim Ramadan, tivo seguimento tamén en Ramala, Xinin e Tulkarem. Ramadan afirmou que o obxectivo era "conmemorar as vidas de tres mártires asasinados polas forzas de ocupación israelís", informou a axencia palestina Maan.

Ademais, houbo chamamentos ás concentracións ante os postos de control do Exército en Cisxordania. Producíronse algúns enfrontamentos sen que se informase de detidos ou feridos polo momento. 

Comentarios