A OTAN ve "probábel" que o incidente mortal en Polonia fose provocado polas defensas aéreas de Ucraína

O presidente Duda desbota tamén a hipótese dun ataque intencionado e recoñece que o mísil "non tiña como obxectivo o territorio polaco".
Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN. (Foto: Valeria Mongelli / ZUMA Press Wire / DPA)
photo_camera Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN. (Foto: Valeria Mongelli / ZUMA Press Wire / DPA)

Seguindo a liña exposta a última hora desta terza feira polo presidente dos EUA, Joe Biden, a OTAN vén de afirmar que as investigacións preliminares en relación co impacto dun mísil en Przewodów (Polonia) que deixou dúas vítimas mortais apuntan ás defensas aéreas das Forzas Armadas de Ucraína.

"É probábel", sostén o secretario xeral da Alianza, Jens Stoltenberg, que se tratase dun foguete ucraíno para "defender o territorio dun ataque ruso", asegurou, na rolda de prensa posterior á reunión que mantiveron con carácter de urxencia os embaixadores dos estados membro na mañá desta cuarta feira.

"Non hai indicacións de que fose o resultado dun ataque deliberado e non temos indicacións de que Rusia estea a preparar accións militares ofensivas contra a OTAN", manifestou Stoltenberg, ao tempo que expresou que "isto non é culpa" de Kíiv, pois, xustificou, trataba de "defenderse" de ataques en diferentes cidades por parte das tropas rusas.

Con todo, matizou que a Alianza seguirá "mantendo consultas e vixiando moi de perto a situación", xa que a organización "fica unida e sempre faremos o necesario para protexer e defender todos os aliados", defendeu.

Polonia culpa a invasión de Ucraína

Pola súa parte, o presidente de Polonia, Andrzej Duda, desbota tamén esta cuarta feira que a caída dese mísil fose un "ataque intencionado" contra as súas fronteiras, e dirixiu as culpas cara a Moscova "por invadir Ucraína".

"O lanzamento non tiña como obxectivo o territorio polaco", subliña o mandatario, que fai alusión ao "máis dun centenar de mísiles" que foron lanzados nas últimas horas sobre Ucraína. "Isto levou a que as zonas fronteirizas fosen tamén bombardeadas, como Lviv ou Volin. E Ucraína tamén se defendeu con bombardeos", dixo.

De forma paralela, e por mor destas últimas conclusións, os estados membro da OTAN avogan por "deixar á marxe" a activación do artigo 4 do Tratado da Alianza, que estabelece que os aliados "manterán consultas" cando unha das partes considere que a súa integridade territorial, independencia política ou seguridade é ameazada.

Comentarios