Os masai loitan por non ser expulsados para abrir unha reserva de caza de luxo en Tanzania

As localidades do pobo masai que o Executivo tanzano quere converter nunha área de caza xestionada por unha empresa privada emiratí recorren unha polémica sentenza que, na práctica, avala as intencións gobernamentais de botalos de  Loliondo e Ngorongoro para fomentar a caza de luxo e o turismo no país.
Integrantes do Tribunal de Xustiza de África Oriental, encargado de xulgar o caso sobre os masai. (Foto: Tribunal de Xustiza de África Oriental)
photo_camera Integrantes do Tribunal de Xustiza de África Oriental, encargado de xulgar o caso sobre os masai. (Foto: Tribunal de Xustiza de África Oriental)

A Unión Panafricana de Avogados (Palu) vén de anunciar esta semana que presentou unha apelación contra a decisión do Tribunal de Xustiza de África Oriental do pasado 30 de setembro de arquivar a demanda de varias localidades masai no norte de Tanzania, que denunciaron o Estado por tratar de expulsalos violentamente desas terras en 2017, cando queimaron as súas vivendas e comisaron o seu gando, denuncian os masai.

O Executivo tanzano defende as expulsións -pero nega os métodos- apuntando que esas terras forman parte do Parque nacional do Serengeti, que en teoría quere dedicar exclusivamente á conservación da natureza, polo que reclama excluír as actividades humanas.

O tribunal concluíu que non ficou demostrado que os despexos foran na área da aldea e non no parque ao desestimar o testemuño dun perito por ter nacionalidade kenyana e desenvolver a peritaxe en Tanzania sen un permiso de traballo. En cambio, Palu salienta que todos os permisos estaban en orde e que o tribunal internacional “non ten en conta a convincente multitude de probas orais e xuradas presentadas polos veciños”.

A investigadora de Survival Internacional, Fiore Longo, incidiu despois do veredicto en que “o tribunal deu un forte sinal á comunidade internacional de que os despexos e os abusos dos dereitos humanos contra os pobos indíxenas deberían tolerarse de realizarse en nome da protección da natureza". Pola súa parte, Anuradha Mittal, directora executiva do Oakland Institute, cualificou de “fracaso” a decisión xudicial, incidindo en que “é unha farsa para todas as comunidades indíxenas do continente”.

Aínda que en 2018 un xulgado detivo os despexos de maneira provisional, un intento das autoridades de demarcar en xuño os 1.500 quilómetros cadrados que reclaman desencadeou constantes protestas do pobo masai, que foron reprimidas co uso de munición real, provocando múltiples feridos e cando menos dous mortos. Até 167.000 masai están afectados por este proxecto e pola creación do parque natural de Ngorongoro.

Caza e turismo

Os indíxenas masai reiteran que levan nesas terras varias xeracións e que até o intento de apropiación isto non fora posto en dúbida, denunciando que a súa expulsión responde á intención declarada polo Goberno de converter a Área controlada de caza de Loliondo nunha reserva de caza salvaxe que estaría dirixida pola Otterlo Business Company, unha empresa dos Emiratos Árabes Unidos que se encarga de organizar as expedicións de caza da familia real do país do golfo Pérsico.

Porén, a expulsión de milleiros de persoas de pobos orixinarios para a creación de parques naturais ou reservas de caza non é exclusiva de Tanzania, o mesmo lles aconteceu ao pobo batwa, expulsados das súas terras en Uganda, aos bosquimanos do Kalahari en Botswana, aos baiga e gond na India, ou aos ahwahneechee para crear o Parque nacional de Yellowstone nos Estados Unidos.

Detrás destas expulsións atópase un modelo de conservación “racista e colonial”, defende Longo, baseado na idea de que, como os seres humanos destrúen a natureza, para esta “sa” ten que estar a salvo deles, cando “os indíxenas levan dependendo dela e coidándoa desde sempre, pero non de maneira invasora, que é ao que está acostumado o home branco occidental”.

A investigadora asegura que “baixo o pretexto de crear espazos protexidos expúlsase os gardiáns da terra para deixar entrar o turista”, criticando que se poña o foco nos Gobernos africanos cando son grandes organizacións non gobernamentais como WWF (Fondo Mundial para a Natureza), principalmente de países occidentais, as responsábeis de “financiar e apoiar a conservación colonial”, incluso sendo conscientes das “atrocidades” que se están a cometer contra os pobos orixinarios.

Malia que en 2020 a Unión Europea retirou o financiamento a un proxecto de conservación no Congo por violar os dereitos contra os pigmeos, a meirande parte destas iniciativas manteñen o financiamento público.

Gardiáns da biodiversidade

Os estudos desenvoltos polo programa para o medio ambiente da Organización das Nacións Unidas (ONU) dan a razón a Longo e conclúen que “en termos ambientais, a este territorio [xestionado polas comunidades indíxenas] foille moito mellor que á maior parte do resto da terra”.

Estes pobos, apunta o organismo, supoñen 5% da poboación mundial, mais coidan 22% da superficie terrestre e son responsábeis de 80% da biodiversidade do planeta. “No resto do mundo exterminámola”, asevera Yon Fernández de Larrinoa, xefe do equipo de pobos indíxenas da unidade de negociación da Organización para a Alimentación e a Agricultura.

Nesa liña, Siham Drissi, oficial do programa de Xestión da Biodiversidade e a Terra do capítulo de medio ambiente da ONU, fai fincapé en que é preciso “promover a experiencia das comunidades indíxenas se queremos deter o dano á natureza e, en última instancia, salvarnos nós mesmos”.

Comentarios