"O Brasil inteiro é territorio indígena"

O Supremo Tribunal Federal delibera sobre a propiedade das terras nun proceso histórico, mais adía a decisión até a vindeira cuarta feira.
indigena_brasil_STF_apib
photo_camera Os manifestantes concentráronse na quinta feira en Brasília ante a sede do Supremo Tribunal Federal, que adiou unha semana a sentenza (Foto: APIB)

"A questão ideológica, que é muito forte, precisa ficar menor que os interesses da economia do Brasil", sostiña na cuarta feira Neri Geller, vicepresidente da Frente Parlamentar da Agropecuária (FPA), nunha entrevista para o dixital Notícias Agrícolas. O representante do agronecocio a grande escala tamén recoñecía que se puxara por que o Supremo Tribunal Federal (STF) adiase a decisión acerca dos dereitos sobre as terras dos pobos ancestrais. Acerca do "marco temporal". 

Mais en que consiste este proceso xudicial que as organizacións indíxenas consideran "o máis importante do século"?

Desde o pasado domingo máis de seis mil indíxenas de 170 etnias diferentes acampan no centro de Brasília, a capital. A mobilización busca que a xustiza recoñeza o dereito dos pobos orixinarios sobre as súas terras, algo que choca frontalmente cos intereses das grandes compañías do agronegocio, que contan ademais co amparo do Goberno de Jair Bolsonaro.  

A Constitución brasileira de 1988 asegurou o dereito dos indíxenas a habitar e preservar as súas terras ancestrais, mais os chamados "ruralistas" defenden que só se deben recoñecer como indíxenas as terras que ocupaban cando se promulgou a Carta Magna, o 5 de outubro daquel ano. 

Os defensores dos pobos orixinarios sosteñen que a Constitución non prevé ese "marco temporal" e que foron desprazados dos seus territorios ao longo da historia, especialmente durante a ditadura militar (1964-1985). Así é que un dos lemas da campaña da protesta, impulsada pola Articulação dos Povos Indígenas do Brasil (APIB), é "Nossa história não começa em 1988".

Adiamento

O STF debíase ter pronunciado esta semana. Nomeadamente, sobre unha reserva no Estado meridional de Santa Catarina, mais a decisión repercutirá noutros terreos en disputa. Tal é así, que Bolsonaro advertiu na cuarta feira que no caso de o STF rexeitar o argumento do "marco temporal", poderíase desatar un "caos". 

É por iso que o presidente e os seus aliados impulsan no Congreso a tramitación dun proxecto para instaurar o criterio do "marco temporal". É por iso que ─segundo denuncian desde as organizacións indíxenas─ o STF, supostamente presionado polo lobby do agronegocio, está a adiar a súa decisión sobre a reserva habitada polo pobo Xokleng, un dos poucos superviventes do brutal proceso de colonización desenvolvido a mediados do século pasado. Nas últimas horas o STF anunciaba que retomaría as deliberacións a vindeira cuarta feira.

Os intereses económicos son xigantes. Tanto que malia ser a maior mobilización indíxena da historia do país apenas tivo cobertura nos principais medios brasileiros. Canles alternativas como Mídia Ninja si que están a facer un seguimento do que no campamento "Luta pela Vida" se debate. 

"Ao sair de nossas aldeias, de nossos territórios, de nossas comunidades, todos nós indígenas temos em mente que Bolsonaro é pior que o vírus. Porque ele assassina não só os corpos indígenas, ele assassina também o espírito, a memória e a luta de quem quer continuar semeando vida sobre a terra", relataba a este medio a antropóloga e arteducadora Tai Kariri. E sobre o "marco temporal", aseguraba: "O Brasil inteiro é terra indígena. Nunca saímos dessa terra, sempre estivemos aqui".

Actualmente hai 310 terras indíxenas pendentes do proceso de demarcación. De se rexeitar o "marco temporal", serán protexidas; de se aprobar, abrirá a porta ao paseniño mais inexorábel exterminio dos que a ONU recoñece como os primeiros e mellores defensores do ambiente: os pobos orixinarios que nelas habitan. 

Ruralistas, evanxélicos ou monárquicos, na marcha proBolsonaro

Coincidindo co Día da Independencia, o próximo 7 de setembro, está convocada no Brasil unha gran manifestación de apoio a Bolsonaro e en protesta contra o Parlamento e a xustiza. Evanxelistas, ruralistas, monárquicos, mais tamén policías e militares, estarán presentes na marcha, á que xa anunciou que acudirá o propio presidente. O que os une a todos: o apoio á reelección do ultradereitista e o repudio á volta da esquerda ao poder, representada polo expresidente Lula da Silva.

Comentarios