Ratificada a condena a Canadá por discriminar crianzas indias

A xustiza rexeita a apelación do Goberno Trudeau.
EuropaPress_3971873_29_september_2021_canada_ottawa_canadian_prime_minister_justin_trudeau
photo_camera Trudeau, cun ex alumno das escolas indias, no acto da véspera do primeiro Día Nacional pola Verdade e a Reconciliación (Foto: Adrian Wyld / The Canadian Press)

A xustiza federal do Canadá desbotou os recursos presentados polo Goberno e ratificou na cuarta feira (madrugada galega de de hoxe) a orde para que indemnice as crianzas indíxenas que foron discriminadas polo sistema de asistencia social do país. A decisión xudicial abre a porta a un pago milmillonario.

O Tribunal de Dereitos Humanos canadense ditaminou en 2016 que o Goberno "de forma intencionada e neglixente" discriminara os menores que viven nas reservas indias, evitando costear os servizos sociais existentes para a infancia e para as familias. E estabeleceu unha compensación de 40.000 dólares canadenses (máis de 27.000 euros) para cada unha das crianzas afectadas, a compensación máxima neste tipo de casos no país.

No canto de abonar a compensación, o Executivo presidido por Justin Trudeau presentou en 2019 unha solicitude de revisión xudicial e suspensión, argumentando que a cantidade era excesiva. Tamén alegaba que se incluísen pais e avós dos nenos. Estímase que o número de menores potencialmente afectados nuns 50.000, o que elevaría a indemnización a 1.350 millóns de euros. 

"Ninguén pode dubidar que os pobos da Nacións Orixinarias están entre os membros máis desfavorecidos e marxinados da sociedade canadense", sinalou na sentenza o maxistrado Paul Favel, explicando que o Tribunal de Dereitos Humanos tentara paliar esta situación.

"Reconciliación"

Trudeau foi fortemente criticado durante estes anos polos representantes dos pobos indios debido á decisión de apelar a sentenza hai dous anos, especialmente ao se tratar dun Goberno que fai bandeira da "reconciliación" coas nacións orixinarias. 

A directora da Sociedade de Coidado de Crianzas e Familias das Nacións Orixinarias, Cindy Blackstock, foi quen iniciou hai 14 anos esta batalla contra esta "discriminación racial". Tras coñecer a decisión xudicial ─unha "vitoria absoluta"─ pediu ao Goberno que deixe de "loitar" contra os menores e non apele.

Onte, Canadá conmemorou o primeiro Día Nacional pola Verdade e a Reconciliación para honrar os centos de vítimas das escolas residenciais indíxenas. Neste día ─escribiu Trudeau no Twitter─ "lembramos as crianzas que nunca regresaron á casa. E reafirmamos o noso compromiso no avance da reconciliación [...]". 

Comentarios