"Gran Wiphalazo" boliviano no Día da Resistencia Indíxena

12 de outubro: Mobilizacións en Latinoamérica.
12out2021_cochabamba3
photo_camera Acto desta terza feira en Cochabamba, que contou coa presenza de Arce (Foto: Luis Arce)

Antigamente celebrado para conmemorar a chegada de Cristóbal Colón a América en 1492, o 12 de outubro ten unha connotación ben diferente desde hai anos. O Día da Hispanidade ou Día da Raza (denominación que se conserva en Colombia, Honduras e Uruguai) pasou a chamarse Día da Diversidade Cultural na Arxentina ou Día do Encontro dos Dous Mundos en Chile.

No Ecuador en 2011, o entón presidente Rafael Correa declarouno Día da Interculturalidade e a Plurinacionalidade, co fin de deixar atrás o seu carácter colonial e salientar "a coexistencia das nacionalidades indíxenas".

Neste sentido van as propostas noutros Estados latinoamericanos. Bolivia márcao desde hai varios anos como "Día da Resistencia Indíxena". O de onte serviu para reivindicar a wiphala, a bandeira que representa os pobos orixinarios e que o 24 de setembro foi "agraviada" durante un acto en Santa Cruz.

A gran mobilización, denominada "Gran Wiphalazo" e con marchas en nove departamentos, que buscou reivindicar a unidade e consolidar a identidade cultural dos bolivianos, en palabras do presidente da Cámara de Deputados, Freddy Mamani. 

A mobilización tamén foi entendida como resposta ao paro xeral da segunda feira, convocado por sectores da oposición. Arce e outros representantes do MAS tiñan previsto participar dos actos de onte en Santa Cruz, en La Paz e en Cochabamba.

Rebeldía desde Venezuela

En Venezuela, o presidente Nicolás Maduro salientou esta terza feira en Twitter que o Día da Resistencia Indíxena se entende como un "grito de rebeldía dos nosos pobos orixinarios, que resistiron e batallaron para defender estas terras da invasión española".

A semana pasada, Maduro considerou que España ten que pedir "perdón" aos pobos americanos polos "crimes" da conquista, despois de que o papa Francisco ou o presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, se expresasen nesta mesma liña nos últimos días.

Sen Colón en México

En México precisamente, a denominación é "Día da Nación Pluricultural". Hai un ano retirouse a estatua de Colón da praza da capital que leva o seu nome; no seu lugar instalarase a dunha muller indíxena, aínda que colectivos feministas colocaron a semana pasada outra en homenaxe "ás mulleres que loitan". 

Comentarios