Martina Anderson, responsábel do Sinn Féin en Europa: "Teremos unha primeira ministra para toda a sociedade"

O Sinn Féin vén de conseguir ser a forza máis votada en Irlanda do Norte por primeira vez na súa historia. 'Nós Diario' conversou con Martina Anderson, responsábel das relacións con Europa deste partido, sobre a formación de Goberno en Irlanda do Norte e os principais retos que tería o Sinn Féin no liderado do Executivo.
Martina Anderson visitou a redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)
photo_camera Martina Anderson visitou a redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Arxina)

—O Sinn Féin obtivo unha histórica vitoria nas eleccións de Irlanda do Norte. Haberá Goberno?

Estamos a facer un chamamento a todos os partidos políticos, especialmente ao Partido Democrático Unionista (DUP), para formar Goberno. É a primeira vez que estamos certos de que o Sinn Féin terá unha primeira ministra para toda a sociedade. Moita xente nunca pensou que chegaría o momento no que unha forza nacionalista e republicana sería a primeira nas urnas.

A vitoria de Michelle O'Neill, unha muller nacionalista, aporta esperanza e expectación, o Sinn Féin é un partido de convicción, cunha visión de tomar o camiño para unha vida mellor nunha nova Irlanda. Non aceptamos que ninguén nos diga que o cambio non pode ocorrer e que o Status Quo vai ser mantido.

O noso partido, coa súa historia de loita, ten sido criminalizado e menosprezado, e agora temos unha primeira ministra designada e somos a maior forza política no norte de Irlanda, e no sur, todo o mundo mira para a nosa líder, Mary Lou Macdonald.

Cando tes sido consistente e segues un patrón coherente, a xente mira para ti como unha opción. É histórico o que aconteceu, co Sinn Féin obtendo 29% dos votos, e traballaremos para que sexa formado un novo Goberno, as conversas están tendo lugar neste mesmo momento.

—Que pasos daría un Goberno liderado polo Sinn Féin para lograr a reunificación de Irlanda?

O dereito á autodeterminación foi gañado co Acordo do Venres Santo hai 24 anos e por seis mandatos os unionistas teñen fallado este mandato democrático. Nós argumentamos que as condicións para un referendo de reunificación existen, e a nosa aposta é planear e preparar un cambio constitucional que pase polo estabelecemento dunha asemblea cidadá para que os diferentes sectores sociais de Irlanda fagan parte da conversa sobre a pregunta que se lle debe facer ás persoas irlandesas.

Non estamos pedindo un referendo a próxima semana nin o próximo mes, incluso non neste mesmo ano, apostamos por unha planificación axeitada para que non aconteza a mesma desfeita que no Reino Unido co Brexit.

As autoridades dos Estados da Unión Europea (UE) tamén teñen o deber e a responsabilidade de asegurar que todo o territorio dunha Irlanda reunificada pode ría permanecer na alianza europea e tamén necesitariamos asistencia da UE nos primeiros momentos pois sería unha transición cara á unidade e non algo instantáneo. O papel da UE ten que ser o de apoiar o proceso sen interferir, ten que ser a xente de Irlanda quen decida de que unión quere facer parte.

—Cal sería o rol do diálogo co  Reino Unido neste proceso?

Calquera observador imparcial que olle para Boris Johnson e os Tories chegaría á conclusión de que o seguinte acordo honesto sería o primeiro. O Reino Unido é un Estado no que non se pode confiar e que non mantén a súa palabra. Porén, debe existir un Consello composto por autoridades irlandesas e do Reino Unido e unha Conferencia que dea unha oportunidade ao acordo. O Reino Unido e o noso veciño máis próximo e temos que manter relacións.

—Que postura manteñen sobre o Protocolo de Irlanda do Norte?

O Protocolo foi un compromiso feo mais era necesario. Hai unha parte do Acordo do Venres Santo que trataba da desmilitarización, a eliminación das infraestruturas fronteirizas. A salvargada do proceso de paz é a razón pola cal non podemos ter unha 'fronteira dura' entre o norte e o sur de Irlanda.

Eu fun a única parlamentaria do norte de Irlanda na UE que votou a favor do Protocolo, pois os unionistas querían o Brexit máis duro posíbel. O seu estabelecemento serviu para evitar unha fronteira física que dividira Irlanda e foi apoiado no noso Parlamento.

A reunificación ten que ser inclusiva

Para Martina Anderson a reunificación de Irlanda ten que facerse cun "compromiso" entre as partes. Hai xente no norte de Irlanda "que son unionistas, que se senten británicos", e nunha Irlanda reunificada "a súa cultura debe ser protexida e necesítase desenvolver lexislación para que o que nos aconteceu a nós nunca se lles faga a eles", afirma Anderson.

Sobre a situación actual en Irlanda do Norte, a representante do Sinn Féin sinala que existe unha intensa crise sobre o custo da vida e que co novo Goberno queren "incrementar a súa capacidade de gasto e distribución do diñeiro de modo que poidamos paliar a crise sanitaria" no territorio e "construír 100.000 novas vivendas protexidas" para o acceso das capas máis empobrecidas da sociedade. "A xente precisa cartos no seu peto, moita xente non ten para comer nin para quentar a casa, e iso non o podemos permitir", sentenza Martina Anderson.

Comentarios