Manifestacións en Francia contra o atraso da xubilación aos 64 anos, que no Estado español está en 67

A folga xeral que sucedeu na quinta feira, 19 de xaneiro, en Francia contra o atraso da idade de xubilación tivo este sábado unha continuación con mobilizacións en todo o Estado francés. Unha idade de xubilación que, no Estado español, no ano 2011 foi atrasada polo Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero de 65 a 67 anos.
Manifestación xuvenil contra as reformas das pensións en Francia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestación xuvenil contra as reformas das pensións en Francia. (Foto: Europa Press)

Francia acolleu este sábado unha segunda manifestación, convocada polo partido La France Insoumise e varias organizacións xuvenís, en contra da reforma das pensións proposta polo Goberno do presidente Emmanuel Macron.

O Goberno francés propuxo atrasar a idade de xubilación, dos 62 aos 64 anos, debido á imposibilidade de financiamento do actual sistema de pensións. O Executivo de Macron tamén ten o obxectivo de aumentar o número de anos cotizados necesarios para percibir unha pensión completa, suprimir varios réximes individuais con privilexios destinados a determinados grupos e elevar a pensión mínima anual a 1.200 euros.

No Estado español, o Goberno, a Patronal, CCOO e UXT (o chamado “diálogo social”) tamén negocian unha nova reforma para recortar as pensións. Unha reforma que inclúe o retraso da idade de xubilación aos 67 anos, sendo necesarios un mínimo de 37 anos e 9 meses cotizados para acceder ao 100% da base reguladora. A pensión media de xubilación na Galiza é de 886,68 euros mensuais.

A manifestación da pasada quinta feira en Francia reuniu a máis de 2 millóns de persoas, segundo os sindicatos. Só en París manifestáronse 80.000 persoas.

Comentarios