VÍDEO | O independentismo catalán toma Barcelona nunha gran protesta contra o cumio Sánchez-Macron

Milleiros de persoas participan na manifestación de unidade da independencia. Aragonés participará na recepción do cumio.
Milleiros de persoas enchen na mañá desta quinta feira a avenida de María Cristina, na capital catalá. (Foto: VilaWeb)
photo_camera Milleiros de persoas enchen na mañá desta quinta feira a avenida de María Cristina, na capital catalá. (Foto: VilaWeb)

Milleiros de persoas —30.000, segundo a organización— participan na manifestación de unidade contra o cumio entre Sánchez e Macron, que decorre esta quinta feira no Museu Nacional de Arte de Catalunya (MNAC), en Barcelona. A concentración, convocada pola ANC, Òmnium e o Consell de la República, canda unha trintena de organizacións, encheu o pé de Montjuïc e a avenida María Cristina. Todos os partidos independentistas, incluído ERC, apoiaron a mobilización. Con todo, cando Oriol Junqueras abandonou a protesta, foi increpado por uns poucos manifestantes que o chamaron "traidor" e "botifler".

No cumio, Pedro Sánchez e Emmanuel Macron —que fai parada e permanece en Barcelona en plena folga xeral no Estado francés polo aumento da idade de xubilación e a reforma das pensións— debaterán sobre cuestións fundamentais para os dous estados, como como interconexións, cuestións migratorias e apoio a Ucraína.

Segundo informaron fontes do Goberno español, tamén abordarán a reapertura dos oito pasos fronteirizos secundarios que París fechou durante a pandemia, como o paso de Banyuls, que leva meses dividindo o país en dous. Tras o encontro, Sánchez acompañará Macron nunha visita privada ao Museo Picasso, arredor das 15 horas, na que tamén participará Ada Colau, mais non o president Aragonès, que non foi convidado.

Contra o mediodía (11.30 horas), a esquerda independentista, encabezada polos CDR, Poble Lliure, la Forja, Arran e o SEPC, convoca unha manifestación alternativa, aínda que [estes colectivos] xa apoiaran previamente a mobilización unitaria. Estoutra marcha partirá das Torres Venecianes e está previsto que marche até o consulado francés, situado na ronda de la Universitat, xunto á praza de Catalunya.

Antes da concentración, Junqueras asegurou que a protesta contra o cumio Sánchez-Macron demostra que o procés segue vixente: "O conflito político entre gran parte da sociedade catalá e España non rematou. Aquí non rematou nada porque a represión continúa en forma de exilio e inhabilitacións", dixo.

Por outra parte, o líder de Esquerra defendeu a presenza do president da Generalitat, Pere Aragonès, na recepción do encontro: "Aproveitaremos sempre todas as oportunidades". O mandatario abandonou a reunión após saudar Sánchez e Macron, antes de que soasen os himnos español e francés.

"Camiñamos cara á amnistía. Estamos máis perto", afirmou, sobre as negociacións co Goberno español. "Sen dúbida a derrogación da sedición é un gran paso adiante", engadiu, antes de admitir que a reforma da malversación non foi suficiente: "Somos conscientes de que aínda queda camiño por percorrer". Finalmente, sobre o asubío dalgúns manifestantes, Junqueras asegurou que entende todas as posturas.

Comentarios