luns 25.05.2020

Os máis pobres, vítimas do virus da mafia

En Italia, en México ou no Brasil, durante estas semanas de corentena, o crime organizado estivo a aproveitar a debilidade conxuntural ou estrutural dos Estados para desenvolver unha "estratexia de propaganda" nos barrios máis pobres. É aquí onde a súa actividade de contaxio ten máis posibilidades de éxito.
Caixas entregadas pola empresa da filla do Chapo Guzmán, nunha imaxe facilitada aos medios (elchapoguzman.com)
Caixas entregadas pola empresa da filla do Chapo Guzmán, nunha imaxe facilitada aos medios (elchapoguzman.com)

Tres de cada catro crianzas italianas en idade escolar están convencidas de que os xefes da mafia son parte do Estado e que, ás veces, o guían. Para máis de 87%, a relación entre a mafia e a política é "moi forte" ou "o suficientemente forte", até o punto de ver na corrupción da clase política a razón da súa propagación ao Norte (56,89%) e da súa supervivencia (50,74%).

Son datos do estudo elaborado anualmente polo Centro de Estudos Pio La Torre, que será presentado mañá no cabodano deste dirixente do Partido Comunista Italiano. Destacado parlamentario pola súa radical oposición á mafia, foi asasinado en 1982 pola Cosa Nostra (organización criminal siciliana).

Como un virus, Italia leva batallando desde hai décadas contra a perniciosa presenza da mafia no seu territorio, especialmente nas rexións do sur do país. É alí onde nestas últimas semanas, afirma La Stampa, que aproveitando o momento de debilidade do Estado pola pandemia, está a facer un traballo de contaxio.

Economicamente deprimidas, con altas taxas de desemprego e con case catro millóns de persoas traballando en negro, segundo datos do ISTAT (o instituto de estadística italiano), as organizacións mafiosas distribúen comida e outros bens esenciais entre as familias pobres que non teñen ningún tipo de ingreso por causa da corentena, segundo informaron os medios locais.

En Calabria, a Ndrangheta; en Campania, a Camorra; en Puglia, a Santa Corona Unita, e en Sicilia, a Cosa Nostra, as organizacións mafiosas suplen as carencias da cobertura social do Estado, que se viu na obriga de despregar máis efectivos policiais nestas zonas, di La Repubblica

Mais non todo é caridade. Ante a falta de ingresos, a sociedade civil e as autoridades da zona denuncian o risco de que as pequenas empresas se vexan na obriga de pedir préstamos á mafia para evitar a creba dos seus negocios, que poderían acabar infiltrados por estas organizacións ilegais.

El Chapo 701

Unha situación semellante á que está a acontecer en México. Segundo informaba hai uns días o xornal La Jornada, "A entrega de despensas en Guadalajara por parte da marca El Chapo 701, foi o preámbulo á presentación oficial da Fundación Alejandrina Guzmán, filla do narcotraficante Joaquín El Chapo Guzmán Loera".

Desde El Chapo 701 aseguraron que os recursos utilizados para a adquisición da axuda, arredor de 500 caixas con alimentos e produtos de hixiene, non proviñan de actividades ilegais. Entre os obxectos doados á poboación dos barrios máis pobres da segunda maior cidade de México hai xel sanitario ou máscaras de tela coa imaxe do capo.

"A intención é dar un pouco de axuda aos menos favorecidos nun momento difícil para a sociedade mexicana", explicou á axencia de noticias EFE Julio Campos, presidente da empresa que Alejandrina Guzmán fundou co fin de enxalzar a historia e a figura de seu pai, que cumpre condena nunha prisión de alta seguridade dos Estados Unidos.

Segundo José Reveles, xornalista experto en narcotráfico, o crime organizado benefíciase do feito de que o Goberno mexicano teña programas sociais "ineficientes, irregulares e politizados". 

"Estratexia de propaganda"

Ante esta "estratexia de propaganda" que tamén levaron a cabo nas últimas semanas outras bandas criminais do país como Los Viagras, en Michoacán; o Cártel del Golfo, en Tamaulipas, ou o Cártel Jalisco Nueva Generación, en Jalisco, Andrés Manuel López Obrador rexeitou esta "esmola de potentados". 

"Axuda que deixen as súas malandronadas (maldades), que teñan amor ao próximo, que non fagan dano a ninguén. Axuda que non se continúen enfrontando e sacrificando", declarou o presidente mexicano. Segundo os datos do Sistema Nacional de Seguridade Pública, no que vai de 2020 en México rexistráronse arredor de 100 asasinatos diarios.

Tamén no Brasil, a principios de mes o aínda ministro de Saúde, Luiz Henrique Mandetta, informaba dun plan piloto nunha favela sen identificar para estabelecer un "diálogo" co narco na xestión da pandemia.

O seu control das favelas é total. Tanto que ante a negativa do presidente Jair Bolsonaro, estabeleceu un estrito confinamento pola súa conta, coa ameaza de asasinar a quen non o cumprise. 

comentarios