Estados Unidos

O fiscal que investiga Biden denomínao "ancián con mala memoria" e o presidente responde: "Como se atreve?"

O mandatario estadounidense afeou ao fiscal especial Robert Hur que no informe da investigación sobre a tenza de documentos clasificados, agora arquivado, apuntase que "non lembraba cando morreu o seu fillo nin os anos nos que foi vicepresidente". Na mesma rolda de prensa, Biden confundiu os presidentes de México e Exipto.
O presidente dos EUA, Joe Biden, en rolda de prensa. (Foto: Annabelle Gordon / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente dos EUA, Joe Biden, en rolda de prensa. (Foto: Annabelle Gordon / Europa Press / Contacto)

O fiscal especial dos Estados Unidos Robert Hur fechou esta  quinta feira a investigación sobre os documentos clasificados que o presidente, Joe Biden, mantiña no seu poder. O informe de Hur, se ben concluía que non hai motivos para presentar cargos, non gustou ao mandatario estadounidense, pois aludía aos seus "problemas de memoria".

"É probábel que o señor Biden se presente ante o xurado, como o fixo durante a entrevista coa nosa oficina, como un home simpático, ben intencionado, ancián e con mala memoria. Aínda que é e debe ser responsábel dos seus actos, baseándonos nas nosas observacións directas sobre el, é alguén para quen moitos xurados quererán buscar a dúbida razoábel", relata o documento asinado polo fiscal, que conclúe que "sería difícil convencer a un xurado de que deberían condenalo por un delito grave que require dun estado mental de voluntariedade".

Con base no mesmo informe, o presidente Biden demostrou durante a investigación ter unha memoria "significativamente limitada" e, nunha das entrevistas, "non lembraba cando morreu o seu fillo Beau nin os anos nos que foi vicepresidente". "E a súa memoria parecía confusa ao describir o debate sobre Afganistán, que no seu día foi tan importante para el", engade.

Hur defende, unha vez rematada a investigación, que hai "diferenzas claras" entre o caso de Biden e o do seu antecesor no cargo, Donald Trump, que si está acusado de máis dunha trintena de cargos por "neglixencia" na tenza e uso de documentos clasificados. Neste senso, destaca que Trump, "despois de recibir múltiples oportunidades de devolver os documentos e evitar o procesamento, supostamente fixo o contrario", mentres Joe Biden "si os entregou".

Unha vez coñecida esta resolución, o actual presidente celebrou o resultado desta investigación que cualificou de "exhaustiva": "Alédame ver que chegaron á conclusión á que pensei que chegarían, que non se presentarán cargos e que o caso está fechado". Porén, para Trump é un caso de "axuizamento selectivo".

Biden: "Como se atreve?"

Mais, a pesar de alegrarse polo arquivo da causa, Biden reprochou as alusións á súa memoria, notabelmente anoxado: "A miña memoria está ben, boten unha ollada ao que fixen desde que son presidente. Ninguén de vostedes pensou que podería superar ningunha das cousas que conseguín sacar adiante", dixo, nunha rolda de prensa desde a Casa Branca.

"Hai unha referencia [no escrito do fiscal] a que non lembro cando morreu o meu fillo. Como se atreve a dicir iso? Francamente, cando me fixeron a pregunta, pensei para os meus adentros que non era da súa maldita incumbencia [...] Non necesito que ninguén me lembre cando faleceu", sentenciou.

Nesta mesma rolda de prensa, e preguntado pola crise humanitaria en Gaza e a ofensiva israelí sobre os territorios palestinos, o presidente dos EUA confundiu o presidente mexicano co exipcio: "A conduta da resposta en Gaza foi desmesurada. O presidente de México, Al Sisi [en alusión ao mandatario de Exipto], non quería abrir a porta para que entrase axuda humanitaria", dixo. Un despiste especialmente desafortunado polo momento.

Comentarios