venres 30/10/20

Maduro insta Felipe VI a pedir perdón polo "xenocidio" na conquista de América

O presidente venezolano foi moi crítico con que o día 12 de outubro teña consideración de festa nacional no Estado español.
EuropaPress_3368197_presidente_venezuela_nicolas_maduro
Imaxe de arquivo de Nicolás Maduro. (Foto: Europa Press)

O presidente venezolano, Nicolás Maduro, instou o rei Felipe VI a pedir desculpas polo xenocidio cometido durante a conquista de América. “Non podemos entender como o rei de España sae a celebrar a morte, a masacre”, preguntouse Maduro.

Ao tempo chamou o monarca a “que reflexione como home do século XXI e pida perdón” aos descendentes “dos pobos indíxenas arrasados durante tres séculos polo colonialismo español”.

Considerou que hai unha débeda cos pobos indíxenas, aos que "os Borbóns masacraron".

"Non pode ser que España siga a celebrar o 12 de outubro como un día de festa nacional. Eu digo desde aquí, festa de que, festa da morte, festa da invasión, festa da tortura, festa do xenocidio", lanzou Maduro nun discurso polémico do que se fixeron eco moitos medios de comunicación do país.

Tamén nas páxinas a nivel internacional, Maduro apareceu preguntándose: "Que celebra España? Que celebra o rei de España?".

Pola súa banda, o ministro de Exteriores de Venezuela, Jorge Arreaza, vinculou á “nostalxia colonialista de España”, as críticas do Goberno do Estado español ao proceso para cambiar a Asemblea Nacional do país.

Esta implicará a celebración de eleccións o próximo 6 de decembro. O político fixo esta afirmación logo de que a ministra española Arancha González Laya puxera en dúbida a legalidade desa cita coas urnas.

comentarios