“O plan era enviar Maduro a Estados Unidos”

Venezuela presenta testemuños de estadounidenses participantes na incursión armada desbaratada este domingo.

Arsenal venezuela incursion
photo_camera Imaxe de parte do material incautado

Nicolás Maduro acusou os gobernos de Colombia e Estados Unidos de estar detrás do intento de incursión armada que este domingo foi "neutralizada" polas forzas armadas e policía venezolana.

Nunha comparecencia virtual, o presidente Nicolás Maduro presentou o testemuño dun dos dous estadounidenses detidos nesa operación e que afirma que o plan pasaba por tomar o aeroporto de Caracas para desde alí trasladar Maduro a Estados Unidos.

Nunha declaración gravada, Luke Alexander Denman afirma ser ex membro da armada de Estados Unidos, conta diversos detalles da misión e de adestramentos en Colombia. “Tiña que asegurar o control do aeroporto para poder facer un traslado seguro de Maduro até o avión”, afirma.

Segundo relatou, el chegou a Colombia no mes de xaneiro após ser contactado polo líder da denominada 'Operación Gedeón', o ex militar estadounidense Jordan Gondreu, en decembro pasado.

En Colombia adestrou, dixo, 3 grupos compostos por 70 persoas para introducirse en Venezuela.
“Abonda de agresións contra Venezuela, abonda de obsesión contra Venezuela, algún día terán que rectificar tantos erros contra Venezuela”, manifestou Nicolás Maduro na súa intervención.

Comentarios