Os lumes devoran o Mediterráneo oriental avivados por temperaturas de até 47 graos

A vaga de calor dará un respiro a partir do sábado e agárdanse algunhas chuvias.
EuropaPress_3870495_04_august_2021_greece_varibobi_general_view_of_burnt_building_after_forest
photo_camera Unha casa en Varibobi, ao norte de Atenas, tras o paso do lume (Foto: Angelos Tzortzinis / dpa)

Grecia, Turquía, Albania, Macedonia do Norte, Kosovo, Bulgaria... O Mediterráneo oriental está a sufrir unha histórica vaga de calor extrema, con picos de máis de 45 grados, que provocou incendios en toda a rexión, con mortes, evacuacións masivas, e a destrución de centos de fogares e de miles de hectáreas de vexetación. Agárdase que as temperaturas baixen a partir de mañá, e que chova na costa turca.

Bruxelas mobilizou axuda de varios Estados membros. Chipre enviou dous avións a Grecia; Chequia e Países Baixos, dous helicópteros a Albania; Eslovenia, 45 bombeiros a Macedonia do Norte; e España e Croacia, varios avións a Turquía.

Grecia

Na última xornada declaráronse 118 incendios en Grecia. Aínda que non se rexistraron vítimas mortais, miles de hectáreas continúan a arder sen control, especialmente no Peloponeso e na illa de Eubea, onde centos de persoas foron evacuadas ─algunhas directamente desde a praia en barcas─ e centos de edificios foron calcinados. 

Na terza feira, cando se rexistrou un récord de 47,1 graos, arderon 1.250 hectáreas e numerosos edificios nos arredores de Atenas, obrigando millóns de persoas a permanecer encerradas nas casas para evitar respirar as partículas tóxicas no aire.

Turquía

En Turquía, onde faleceron oito persoas, declaráronse máis de 170 focos durante esta última semana. Sete das mortes rexistráronse no incendio de Manavgat, en Antalya, que segue activo, e unha en Marmaris, na provincia de Mugla, onde tamén continúan os labores de extinción.

Bulgaria

Tamén en Bulgaria, onde as temperaturas alcanzan os 42 grados, o lume fixo estragos nos últimos días, destruíndo grandes áreas de bosques, mais  sen causar nin mortos nin feridos.

Albania e Kosovo

En Albania un home de 64 anos morreu ao ser alcanzado polas chamas no patio da súa casa, nun de tantos incendios que arrasaron miles de hectáreas. E en Kosovo faleceu na cuarta feira un home de 57 anos, nun incendio na aldea de Novo Selo. A falta de medios dificulta os labores de extinción en ambos os países.

Macedonia do Norte

E en Macedonia do Norte unha ducia de incendios están activos, dos que só dous están controlados. Aínda que hai varias poboacións en risco, de momento non hai vidas en perigo nin se rexistraron vítimas.

Comentarios